Skip to Content

Asset Publisher

Back

`Os portos autonómicos recibiron no verán máis de 4.000 barcos en tránsito que xeraron un volume de negocio superior aos 3,5 millóns de euros

O conselleiro do Mar visitou esta mañá o peirao deportivo de Viveiro para facer balance da chegada de turistas náuticos na temporada estival

 
  • Alfonso Villares sinalou que a instalación viveirense foi a terceira en Galicia con maior número de embarcacións foráneas en xullo, agosto e setembro, só por detrás de Combarro (Poio) e Muros
  • Na Mariña lucense rexistráronse máis de 600 tránsitos durante o terceiro trimestre do ano, un 17% máis que no mesmo período de 2023 e superouse o medio millón de euros en ingresos vinculados a eles
  • A Xunta consigna 1,2 millóns de euros en 2025 para obras de mellora nos portos deportivos

 

Viveiro (Lugo), 24 de outubro de 2024.- Os portos autonómicos da Mariña lucense recibiron durante o pasado verán un total de 611 embarcacions en tránsito, que xeraron uns ingresos no conxunto do sector auxiliar vinculado á naútica de recreo de máis de medio millón de euros. Así o comunicou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, esta mañá nunha visita ao municipio de Viveiro, un dos que máis embarcacións transeuntes recibiu.

Villares trasladou o balance de tránsitos recibidos nos portos deportivos de titularidade autonómica durante os meses de xullo, agosto e setembro, que no caso da comarca da Mariña incrementáronse nun 17% con respecto ao mesmo período do ano anterior. En relación ao porto de Viveiro, o conselleiro destacou que se trata do terceiro porto autonómico con máis tránsitos este pasado verán, acadando os 337, só por detrás do de Combarro, con 394 embarcacións e Muros, con 359. Pola súa banda, ao porto de Ribadeo chegaron no trimestre referido 274 embarcacións transeuntes. En conxunto, no que vai de ano, a Mariña rexistrou 936 barcos -534 en Viveiro e 402 en Ribadeo- o que supón un incremento global desta actividade na comarca do 18% respecto aos tres primeiros trimestres de 2023.

Polo que respecta ao conxunto de Galicia, Alfonso Villares trasladou que, segundo os datos facilitados polos propios xestores náuticos, este verán chegaron ás 30 dársenas deportivas que reciben este tipo de embarcacións das xestionadas por Portos de Galicia Galicia 4.141 barcos, o que supón en termos absolutos 270 máis que no verán pasado e porcentualmente un incremento do 7%. Polo que respecta ás pernoctas –número de noites que permanecen en porto os barcos en tránsito- rexistráronse 18.402 durante o verán, unha cifra que supera en 6.252 a de 2023, é dicir preto dun 60% máis.

O conselleiro sinalou que “destes datos despréndese que a estadía media de cada barco foráneo que chega aos portos de Galicia é de 4,5 días, polo que estamos ante un escenario no que recibimos máis tránsitos pero ademais as súas estadías en Galicia son máis longas”. Este factor resulta definitivo no volume de negocio que xera a actividade e que no conxunto dos portos autonómicos estimouse este verán os 3,7 millóns de euros.

Máis alá do período estival, en total no que vai de ano, chegaron a Galicia 5.842 barcos, unha cifra practicamente idéntica á de 2023 e o número de pernoctas situouse en 35.133, un 53% máis que entre xaneiro e setembro do pasado ano. As principais nacionalidades de procedencia son, por esta orde, española, francesa e británica.

 

Partida específica para as infraestruturas náutico recreativas

Na súa visita a Viveiro, o conselleiro do Mar mostrou a satisfacción da Xunta de Galicia “pola consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico senón no conxunto das vilas que acollen portos deportivos”. Neste sentido, ratificou o compromiso do Goberno galego coa náutica de recreo “que se recolle nos propios orzamentos da Xunta para 2025 que por primeira vez recollen un partida, que ascenderá a 1,2 millóns de euros, para obras de mellora das infraestruturas náutico recreativas”, indicou.

Así mesmo, lembrou que a captación e fidelización de tránsitos é unha liña de traballo estrutural para a Consellería do Mar e Portos de Galicia e salientou as accións promocionais que se están a desenvolver con este obxectivo, da man de Turismo de Galicia, como a recente participación no salón náutico internacional Grand Pavois de La Rochelle, en Francia.