Skip to Content

Asset Publisher

Back

A CONSELLERÍA DO MAR E O CONCELLO DE RIBADEO ASINAN O CONVENIO PARA A REFORMA DA RÚA BUENOS AIRES, NO ACCESO AO PORTO DE MIRASOL

•Alfonso Villares visitou a zona na que a Xunta investirá 450.000 euros na renovación da calzada e da rede de saneamento e pluviais así como humanización da contorna do auditorio municipal.

Ribadeo (Lugo), 10 de abril de 2025.- Portos de Galicia, e o Concello de Ribadeo asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a reforma da rúa Buenos Aires no seu acceso ao porto de Mirasol. O conselleiro Alfonso Villares presidiu o acto de sinatura no Concello entre o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.

O acordo regula a financiación e execución das obras de remodelación da rúa, desde o casco urbano ata o porto de Mirasol, cun investimento da Xunta de Galicia de 448.000 euros. Previa a sinatura, o Consello da Xunta autorizou dito acordo dado o importe da achega da Administración autonómica.

Segundo explicou o conselleiro do Mar, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, Portos de Galicia será o encargado de financiar integramente os traballos que licitará e executará o Concello de Ribadeo. A administración local será así mesmo a encargada da súa posterior conservación e de calquera mellora que poida resultar necesaria no futuro.

Logo do acto de sinatura do convenio, Villares, acompañado polo presidente de Portos e o alcalde, visitou a zona na que se proxectan as obras, consistentes na renovación do pavimento actual e da dotación de novos servizos urbanísticos. O conselleiro do Mar subliñou que “con esta actuación, a Xunta e o Concello de Ribadeo pretenden mellorar a calidade de vida dos usuarios da rúa, humanizando e renovando unha das vías importantes e máis transitadas da vila, que comunica a Praza de España, co porto de Mirasol”.

 

Novos pavimentos e servizos

As obras contemplan o levantado do actual pavimento de toda a rúa, substitución de todos os servizos urbanísticos, así como o soterramento doutros novos, para posteriormente renovar todos os pavimentos da rúa.

Tamén se repararán as fochancas e afundimentos xurdidos na calzada a raíz das distintas canalizacións soterradas que se executaron nos últimos ano, entre elas enerxía eléctrica, telecomunicacións e de gas, así como a rehabilitación de varias viviendas. O proxecto contempla así mesmo a renovación da rede de sumidoiros, independizando saneamento e pluviais e redefinirase o percorrido da calzada elevándoa na zona próxima ao auditorio municipal de forma que se amplíe o espazo existente a modo de praza e se divida a rúa en dúas zonas, eliminando o exceso de velocidade na rúa.

Finalmente, substituirase o formigón do pavimento da praza para eliminar as fochancas actuais e arranxarase o muro de contención que separa a rúa do barrio de Fonte Cavada, o cal disporá dunha nova iluminación exterior, para destacalo respecto da rúa. Ademais colocarase novo mobiliario exterior con bancos e papeleiras.