Skip to Content

Asset Publisher

Back

Mar investirá 1,8 m€ na mellora da fachada marítima e o aparcadoiro do peirao vello de Viveiro

  • A conselleira, Marta Villaverde, informou á alcaldesa de que Portos de Galicia está a ultimar o proxecto para a súa presentación pública.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde, para abordar os avances na tramitación dos proxectos previstos para a zona portuaria do municipio. A titular do departamento autonómico, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, informou á rexedora de que o ente público está a ultimar o proxecto técnico para a mellora da fachada marítima e o aparcadoiro do peirao vello de Viveiro, unha obra na que Portos de Galicia investirá 1,8 millóns de euros.

Esta actuación permitirá acondicionar o bordo portuario na zona do paseo marítimo e a explanada anexa á estación de autobuses. Tal como indicou a conselleira, Portos de Galicia presentará publicamente a proposta técnica das obras previstas unha vez pechada a súa redacción, nas vindeiras semanas.

Durante o encontro, Villaverde deu conta tamén doutros proxectos de para os portos viveirenses de Celeiro e Viveiro. Así, a conselleira confirmou a Gueimunde que nos vindeiros días darán comezo os traballos de acceso peonil desde o porto deportivo da localidade ao centro de saúde. Ademais, o ente público sacará a licitación nesta primavera o proxecto para o saneamento do porto de Celeiro, cun investimento comprometido de 250.000 euros.

Finalmente, ambas partes abordaron tamén outras posibles propostas para a o aproveitamento de todo o bordo portuario coherentes coa proposta municipal de “abrir Viveiro ao mar”.