Asset Publisher
Natalia Botana aborda co presidente da federación galega de confrarías novos eixos de traballo para adaptar os portos ás necesidades dos profesionais
A Coruña, 30 de xuño de 2026.- A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo esta mañá unha reunión institucional co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez, quen é tamén patrón maior da confraría de Ribeira. No encontro, celebrado na sede do ente público na Coruña, abordáronse os eixos de traballo prioritarios para a presidencia do ente público que Botana ostenta desde o pasado día 17 deste mes.
A reunión co presidente da Federación Galega de Confrarías é o primeiro encontro institucional da presidenta de Portos de Galicia, que nos vindeiros días manterá xuntanzas con todos os presidentes das federacións provinciais de confrarías así como cos principais representantes do sector náutico recreativo e operadores portuarios.
Durante a reunión desta mañá puxéronse en común as principais liñas de actuación de Portos de Galicia así como as problemáticas e necesidades dos colectivos profesionais e as vías de traballo da administración portuaria para continuar a darlles resposta. Ambas partes coincidiron na evolución positiva das instalacións e a vontade de traballo conxunto e coordinado para avanzar nesta liña.
Federación provincial da Coruña
Logo do seu encontro con Pérez Sieira, Natalia Botana recibiu tamén ao presidente da federación provincial de confrarías da Coruña e patrón maior de Muros, Daniel Formoso. A presidenta de Portos reiterou a súa vontade de coordinar co sector as principais liñas de actuación para que os portos sirvan de valor engadido á actividade produtiva dos profesionais do mar.