Asset Publisher
Portos de Galicia e O Concello de Valga colaboran para reforzar a estrutura do embarcadoiro de Santa Cristina
- A actuación permitirá minimizar os riscos para os usuarios mediante o calzado do bordo litoral.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, anuncia que areforzará a base do dique do embarcadoiro de Santa Cristina (Concello de Valga), na parroquia de Campaña, co obxectivo de mellorar a seguridade das persoas usuarias desta instalación.
Así llo trasladou a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, ao alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, durante unha reunión celebrada na sede do organismo portuario, na que tamén participou a concelleira Carmen Gómez. Durante o encontro, os representantes municipais e de Portos de Galicia analizaron a proposta técnica exposta para calzar o bordo litoral situado xunto ao embarcadoiro, construído en 2021. A actuación permitirá reforzar esta zona e minimizar os riscos para as persoas que utilizan a instalación. Os traballos desenvolveranse, ademais, tendo en conta as medidas de protección da vexetación establecidas pola Consellería de Medio Ambiente, co obxectivo de compatibilizar a mellora da seguridade coa conservación da contorna.
Convenio de colaboracion.
Para levar a cabo a actuación, Portos de Galicia e o Concello de Valga subscribirán un convenio de colaboración que permitirá desenvolver os traballos previstos na contorna do embarcadoiro. Pola súa banda, o Concello encargarase de confirmar ante Costas do Estado que continúa vixente a autorización preceptiva concedida para poder executar esta actuación.