Asset Publisher
Portos de galicia renovará a marquesiña da terminal de pasaxe do peirao de Cangas
- O embarque de pasaxeiros reordenarase provisionalmente durante o desenvolvemento dos traballos para garantir un tránsito seguro no acceso ao barco de liña.
Cangas do Morrazo (Pontevedra), 19 de xaneiro de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, renovará a marquesiña da terminal de pasaxeiros do porto pontevedrés de Cangas. Os traballos darán comezo na vindeira semana e permitirán substituír os paneis da cuberta da pasarela de acceso ao embarque e a estrutura que os soporta.
En concreto os traballo abranguen toda o tramo entre a estación de autobuses e a zona de embarque. Consistirán na renovación de 3 estruturas metálicas con enreixado e madeira, executadas a un auga e unha estrutura a dúas augas de formigón armado, situada no tramo central da pasarela. Nesta incluirase un lucernario que permitirá a entrada de luz natural.
Ao longo das vindeiras semanas, durante o período de execución das obras, que requiriran de instalación de maquinaria como unha plataforma elevadora e andamios, Portos de Galicia reordenará o tránsito peonil nesta pasarela. Delimitaranse zonas de paso cara ao embarque que permitan unha circulación segura para os pasaxeiros.
Esta actuación execútase con cargo ao contrato de mantemento dos 122 portos de titularidade autonómica que Portos de Galicia ten en vigor por un importe global de 12 millóns de euros.