Skip to Content

Asset Publisher

Back

Portos de galicia ultima a humanización e mellora da seguridade viaria no acceso ao porto de Raxó, orzamentada en máis de 900.000 euros

  • O conselleiro do Mar visitou os traballos en execución, cofinanciados por Portos de Galicia e o Concello de Poio e que inclúen tamén a rede de instalación de servizos urbanos.

 

Poio, 11 de xuño de 2024.- Portos de Galicia está a traballar na última fase das obras de remodelación, humanización e mellora da seguridade viaria no acceso ao porto de Raxó, no municipio pontevedrés de Poio. Así o confirmou esta mañá o conselleiro Alfonso Villares nunha visita ás obras nas que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o presidente do ente público, José Antonio Álvarez.

Villares lembrou que os traballos son o resultado dun convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o Concello de Poio. A actuación global está orzamentada en máis de 900.000 euros, dos que Portos de Galicia financia o 70%, 640.000 euros, e o Concello de Poio, o 30%, 275.000 euros. O organismo autonómico encargouse ademais da licitación e execución da obra, mentres que o Concello asumirá o mantemento do viario, a vixilancia das instalacións, a regulación do tráfico –garantindo de xeito permanente o acceso ao dique e a actividade portuaria- e a recollida de residuos da zona portuaria.    

As obras teñen por obxectivo humanizar o viario, con criterios máis amables para os peón e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos. Ademais integra a demanda de actuar de xeito xeral nas beirarrúas que se atopan fora do solo de competencia de Portos de Galicia, mellorando un itinerario peonil, separado do tránsito rodado, dende a estrada xeral ata o paseo do porto.

Finalmente, o proxecto inclúe tamén o aumento da calidade do espazo, mediante a colocación de novo mobiliario urbano. Prevese a colocación dun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras. Así mesmo, recolle a mellora da eficiencia e estética da rede de alumeado, así como a rede de abastecemento, pluviais e fecais e reforzarase a sinalización.

 

Integración dos espazos

O responsable autonómico destacou que esta obra vai na dirección de integrar as infraestruturas portuarias cos cascos urbanos das vilas e que tamén permitiu a renovación e mellora dos servizos. Nesta liña, incidiu que desde a Consellería do Mar estase traballando en actuacións en concellos de toda Galicia no ámbito das zonas portuarias e o seu entorno, lugares onde se desenvolve a maior parte da actividade  pesqueira da comunidade, mellorando, á vez a seguridade e condicións de traballo dos profesionais do mar. O titular do Mar sinalou esta iniciativa como exemplo de colaboración entre a administracións, neste caso entre a Xunta e o Concello. Un modelo que agarda poda servir para o desenvolvemento de futuros proxectos noutros municipios.

 

Bancos marisqueiros

O conselleiro do Mar, puxo en valor a actuación da Xunta que traballou desde o primeiro momento co sector con reunións periódicas cos representantes das distintas federacións de confrarías galegas nas que están deseñando e facendo o seguimento da execución das medidas consensuadas para volver a facer produtivas as rías. Tamén sinalou que paralelamente se están celebrando reunións de traballo entre o persoal técnico da Consellería, as asistencias técnicas das confrarías e o persoal  dos centros de investigación mariña galegos para realizar análises específicos de cada zona para abordar as súas necesidades específicas.

Alfonso Villares destacou que este traballo é imprescindible para garantir o bo uso dos 123 millóns de euros que se ten previsto mobilizar en apoio ao sector no marco do Plan de Competitividade e Sustentabilidade do Marisqueo de Galicia 2024-2025 dotado con 123 millóns de euros. O titular de Mar explicou que o proceso de recuperación dos bancos vai requirir tempo atendendo ao proceso de crecemento dos propios bivalvos ata que alcanzan o seu tamaño comercial que pode superar o ano.

Con todo, reiterou que a rexeneración das zonas de explotación marisqueira é unha prioridade para o Goberno Galego como así o vén demostrando desde o episodio de alta mortaldade de moluscos vivido o pasado outono, unha xestión que contrapuxo coa de outras administracións que a día de hoxe non mobilizaron ningún recurso en favor do sector.