Asset Publisher
PORTOS TRAMITA NO PEIRAO DE SADA, A CONCESIÓN Á ASOCIACIÓN OS PATEXEIROS DE SADA DUN PANTALAN PARA EMBARCACION TRADICIONAIS, CON BONIFICACIÓNS DO 90% DAS TAXAS
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2024.- Portos de Galicia, está a tramitar unha concesión administrativa a favor da asociación Os Patexeiros, do municipio de Sada, na Coruña. Trátase dunha concesión que permitirá á entidade a instalación e xestión dun pantalán dedicado exclusivamente a embarcacións tradicionais así como o acondicionamento dunha parcela lindeira no lado de terra do peirao, coa finalidade de crear un espazo de divulgación da cultura mariñeira galega.
A proposta da asociación Os Patexeiros pasa pola implantación dun pantalán flotante que dará cabida a 16 prazas de 6 x 2,45 metros, dotadas de fingers, cornamusas defensas e resto de accesorios necesarios. Polo que respecta á parcela de terra, nela instalaranse uns módulos prefabricados coa finalidade de proporcionar distintos espazos nos que instalar material explicativo e o pañol do pantalán.
Na tramitación prevista na Lei de Portos de Galicia, someterase a información publica así como solicitarase informe tanto do Concello como do Ministerio de Transición Ecolóxica, en materia da compatibilidade coas Estratexias Mariñas. A duración prevista na Lei é de 25 anos, con posibilidade de prórroga.
Ao amparo da Lei de taxas portuarias, esta concesión será beneficiaria dunha bonificación do 90% das taxas por ocupación do solo dado que se trata dunha entidade cultural sen ánimo de lucro que destinará o espazo a tarefas de conservación e recuperación de embarcacións tradicionais. En base a isto, a asociación deberá abonar ao ente público unicamente 237 euros ao ano pola ocupación de máis de 1.000 metros cadrados entre lámina de auga e terra.