Asset Publisher
Villaverde confirma ao Real club náutico de Vigo a colaboración no II congreso do mar
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este luns con representantes do Real Club Náutico de Vigo coa finalidade de avanzar na colaboración para a posta en valor da actividade que desenvolven estas entidades en prol do desenvolvemento económico e social das rexións costeiras. Así, no transcurso da xuntanza, Villaverde trasladou a este colectivo a vontade da Consellería de colaborar co II Congreso de Mar e Náutica que este ano coincide co 120 aniversario do club.
Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, enmarcou esta colaboración no obxectivo de seguir afondando na coordinación cos distintos axentes do ecosistema do mar, en aras de aproveitar todas as oportunidades que xurdan para continuar impulsando a actividade marítimo-pesqueira e, en consecuencia, os diferentes sectores que a conforman. Un contexto no que o turismo náutico se está a converter nun reclamo destacado, e no que a acción da Consellería adquire unha implicación significativa a través de Portos de Galicia. Este ente público xestiona de forma directa 42 das 73 infraestruturas deportivas, que ofrecen 10.700 prazas.
Asemade, e baixo a premisa de que a náutica ten unha repercusión directa na revalorización dos territorios, o departamento que dirixe Villaverde, tamén introduciu esta actividade na Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027.