Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia inicia as obras de construción dun pantalán de pasaxe e a ampliación do da escola de vela de Pontecesures

  • Portos de Galicia inviste 100.000 euros nesta actuación que conta cun prazo de execución previsto de dous meses.

 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de construción dun pantalán para servizo de pasaxe e a ampliación do da escola de remo no peirao do municipio pontevedrés de Pontecesures. Esta actuación dará resposta ás necesidades do servizo de transporte de pasaxeiros que ten lugar no peirao local e resolverá as necesidades dos usuarios da escola de vela. As obras contan cun investimento de 100.000 euros e un prazo de execución de dous meses.

Os traballos consisten na construción dun novo pantalán flotante con acceso na rampla de descarga fronte á praza de abastos, constituído por unha porta metálica, unha pasarela de 16 metros de lonxitude e dous metros de paso así como tres módulos de pantalán de seis metros de lonxitude cada un, de estrutura de aluminio e pavimento tecnolóxico. Un dos módulos situarase a continuación da pasarela, na mesma aliñación, e os outros dous en orientación perpendicular formando un ele no que o lado curto se empregará para embarque e desembarque de pasaxeiros mentres que o longo será para a atracada.

Este pantalán destinarase ao uso específico dos pasaxeiros que realizan a ruta fluvial da Traslatio, dentro do Camiño de Santiago por mar, e que ata o momento viñan empregando instalacións propias doutros usos. Coa construción desta nova dotación preténdese evitar interferencias entre as distintas actividades portuarias. Así mesmo, ampliarase o pantalán para uso da escola de remo mediante a instalación dun novo módulo en prolongación do existente, semellante a este en materiais e dimensións.