Canle de denuncias

Que é a Canle de denuncias?

Neste apartado pode accederse á Canle de denuncias, que é a canle electrónica habilitada pola Xunta de Galicia como vía preferente para comunicar información relativa a supostas accións ou omisións contrarias ao sistema de integridade previsto no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia do 19 de maio de 2023 e no Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024, do 26 de maio de 2021, aprobados ambos os dous polo Consello da Xunta de Galicia.

A comunicación por esta canle estrutúrase en dúas modalidades:

  • Modalidade anónima, na que non é precisa a identificación da persoa informante, de xeito que os órganos que deban investigar non coñezan a súa identidade. 
  • Modalidade nominativa, na que é precisa a identificación da persoa informante, de xeito que os órganos que investigan coñecen a súa identidade e os seus datos de contacto e notificación. Nesta modalidade poderase manter a comunicación coa persoa informante para os efectos de solicitarlle, se é o caso, que aclare ou amplíe a información, e comunicarlle o tratamento dado á súa información, agás que renunciase expresamente a recibir comunicacións do responsable do sistema. Non obstante, garantirase a confidencialidade da persoa informante. 

Quen pode utilizala?

Calquera persoa pode empregalo e conta coa garantía de confidencialidade da súa identidade.

Non obstante, se se aprecian indicios de que a persoa informante actúa con consciencia da falta de veracidade dos datos ou da información achegada, ou coa única finalidade de denigrar á persoa ou á institución afectadas, poderían esixírselle as responsabilidades que correspondan.

Sobre que se pode informar?

A Canle de denuncias é a vía preferente para informar sobre as seguintes condutas do persoal ou dos órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico:

  • Accións ou condutas contrarias ao sistema de integridade da Xunta de Galicia.
  • Calquera acción ou omisión que poida constituír infracción do Dereito da Unión Europea sempre que entre dentro do ámbito de aplicación da normativa relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión, afecte os intereses financeiros da Unión Europea ou incida no mercado interior, incluídas as infraccións das normas europeas de competencia e axudas, así como os actos que infrinxan as normas do imposto sobre sociedades ou con prácticas cuxa finalidade sexa obter unha vantaxe fiscal que desvirtúe o obxecto ou a finalidade da lexislación aplicable ao imposto sobre sociedades.
  • Accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave. En todo caso, entenderanse comprendidas todas aquelas infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves que impliquen quebranto económico para a facenda pública e a Seguridade Social.

Algúns exemplos:

  • Uso ou destino ilegal de fondos públicos
  • Desvío de subvencións a fins alleos a aqueles para os que se outorgaron
  • Irregularidades na contratación pública
  • Arbitrariedades que determinan acceso desigual a servizos públicos, autorizacións etc.
  • Conflitos de interese
  • Etc.

Sobre que non se pode informar?

Información relativa aos seguintes asuntos:

  • Queixas pola insatisfacción sobre o funcionamento dos servizos prestados polo sector público autonómico, suxestións para a súa mellora ou denuncias doutros incumprimentos, que recibirán o tratamento previsto no Decreto 129/2016, do 15 de setembro, polo que se regula a atención á cidadanía no sector público autonómico. Para máis información consultar https://www.xunta.gal/suxestions-e-queixas
  • Condutas dos órganos da Administración xeral do Estado e das entidades instrumentais adscritas a ela.
  • Condutas dos órganos das entidades locais (concellos e deputacións).
  • Problemas derivados de compras, servizos, outras relacións contratuais ou estafas entre persoas físicas, entre persoas xurídicas ou entre estas últimas e persoas físicas.
  • Problemas derivados de relacións contratuais privadas.
  • Condutas ou actuacións denunciadas previamente ante as forzas de seguridade, os tribunais, o Ministerio Fiscal, a Fiscalía Europea, o Servizo Nacional de Coordinación Antifraude, o Consello de Contas, Oficina Europea de Loita contra a fraude (OLAF), as autoridades de xestión ou control etc.


Resultoulle útil a información?