Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A xunta avanza no estudo para remodelar o acceso ao peirao comercial da pobra do caramiñal e ampliar a liña de atracada

A presidenta de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

  • Susana Lenguas lembrou que o seu departamento investiu 1,3 millóns de euros na dársena pobrense nos últimos meses e está a valorar detalladamente esta actuación, cun orzamento estimado que se situaría entre os 7 e os 10 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o proxecto de remodelación do acceso ao peirao comercial da Pobra do Caramiñal e a ampliación da liña de atracada. Alí explicou que o seu departamento ten actualmente en execución o contrato para a redacción deste proxecto por un importe de 87.000 euros.

A proposta prevé conxunta e inicialmente dúas intervencións que interfiren entre si, por unha banda a substitución parcial do inicio do peirao por unha solución permeable e que beneficie a posible rexeneración de bancos marisqueiros próximos -para o que se estudarán diferentes solucións construtivas- e por outra a ampliación da zona de atracada comercial cara ao interior do porto.

A responsable do ente público subliñou que a redacción do proxecto amosa “o compromiso de Portos de Galicia con este porto, a confraría de pescadores e co tráfico comercial”. Porén engadiu que esta actuación debe avaliarse detalladamente “desde o punto de vista da axitación da dársena, da hidrodinámica e das correntes así como das repercusións sobre os bancos marisqueiros e ter a certeza de que o investimento repercute realmente na súa mellora pois existen estudos anteriores que non aportan garantías“. Esta é unha cuestión fundamental tendo en conta que o investimento necesario podería ascender a entre 7 e 10 millóns de euros.

Susana Lenguas lembrou que o seu departamento investiu nos últimos meses máis de 1,3 millóns de euros en diversas actuacións para dar resposta ás necesidades dos traballadores que operan no porto da Pobra do Caramiñal. Entre as principais melloras executadas destacou a renovación das instalacións de atracada, a reposición de firmes e pavimentos e a instalación do control de acceso ao peirao comercial, sometido ao código PBIP de seguridade internacional. Ao mesmo tempo, a Consellería do Mar destinou case 100.000 euros a distintas accións para a rexeneración dos bancos marisqueiros da zona.