Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A Xunta reabre integramente ao tráfico rodado a ponte de acceso á dársena norte do porto de Malpica

  • Portos de Galicia vén de investir preto de 340.000 euros nas obras de reforzo e sostemento da infraestrutura

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 22 de febreiro de 2022.- Portos de Galicia, vén de reabrir integramente ao tráfico rodado a ponte de acceso ao porto de Malpica, que fora pechada á circulación en febreiro do pasado ano por razóns de seguridade. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou esta mañá a zona para comprobar os traballos executados, que permiten xa a circulación rodada ao longo de toda a ponte.

O peche deste acceso ao porto malpicán supuxo o desvío da circulación pola entrada situada na parte alta do porto, afectando transitoriamente á operatividade do mesmo polas restrinxidas condicións de uso. Ante esta situación, Portos de Galicia asumiu no mesmo momento do peche o compromiso de dar resposta a esta situación coa maior celeridade posible.

Con ese obxectivo, iniciou inmediatamente os traballos de planificación e proposta técnica para o reforzo desta infraestrutura, deseñada orixinalmente para o tránsito lixeiro, pero pola que circulan agora vehículos de alta tonelaxe.

Os traballos executados ao longo do ano pasado supuxeron a intervención no sostemento dos vanos 1 e 2, a consolidación da cimentación e o reforzo estrutural da plataforma da vía interior do porto, reparándose ademais as zonas que polo efecto da corrosión e outros factores perderan a súa capacidade estrutural ou era insuficiente para as necesidades de tráfico.

Portos de Galicia investiu preto de 340.000 euros nesta actuación que permitiu devolver a operatividade total ao acceso principal ao porto de Malpica.