Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A Xunta rematará nas vindeiras semanas as obras de dragaxe do Porto de Canido cun investimento de 144.000 euros

Portos de Galicia ten en licitación tamén a construción da nova lonxa do peirao vigués por importe de preto de 300.000 euros

 

Vigo, 14 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia prevé rematar nas vindeiras semanas as obras de dragaxe do porto de Canido, no concello de Vigo. Así o trasladaron esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, nunha visita ás obras nas que o ente público dependente da Consellería do Mar inviste 144.000 euros.

As dúas representantes do Executivo galego lembraron que esta actuación responde a unha demanda reiterada do sector portuario de Canido e permitirá recuperar o calado necesario para a normal operatividade do peirao así como o acceso, amarre e fondeo da frota en condicións de seguridade. En concreto, as obras consisten na extracción de áridos en parte da dársena ata acadar a cota -2 en baixamar e o volume total de material para dragar é de preto de 6.000 metros cúbicos.

A presidenta de Portos de Galicia e a delegada da Xunta en Vigo tamén incidiron durante a súa visita ao porto de Canido en que as obras da dragaxe se suman ás que o ente público ten en licitación para a construción da nova lonxa deste mesmo peirao. Trátase dunha actuación na que o Goberno autonómico investirá preto de 300.000 euros polo que “o investimento total de Portos de Galicia no peirao de Vigo ascende este ano a preto de medio millón de euros”, subliñou Susana Lenguas.

O novo edificio pretende dar resposta ás necesidades operativas da confraría de Canido e complementa a zona de lonxa cun pequeno espazo para usos complementarios, de acordo co demandado polos actuais usuarios. Trátase dunha edificación dunha única altura con características similares ás do seu entorno para mellorar a súa integración. A superficie do inmoble será de 130 metros cadrados.

Polo que respecta á distribución de espazos, acollerá unha zona de vendas da lonxa con cámara frigorífica e zona de lavado, un local xeral de instalacións, oficina para a confraría; vestiarios masculino e feminino e oficina para outros usos, con aseo propio. O acceso á zona de venda consistirá nun soportal de 12 metros cadrados que facilitará a carga e descarga de mercadorías.

Finalmente, a construción da edificación complementarase coa reordenación da zona de aparcadoiros exteriores, existentes na zona limítrofe. Ademais, o espazo contará con todos os servizos básicos e de telecomunicacións.