Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia axilizará os trámites do servizo de limpeza de todos os portos autonómicos cun contrato unificado por importe de 16,5 M€

  • Esta fórmula permite acurtar os prazos unha vez que se inicie a licitación e reduce o período de presentación de ofertas.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vai axilizar e reducir os trámites para a licitación da limpeza dos portos autonómicos mediante a tramitación dun contrato unificado por importe de 16,5 millóns de euros. Neste sentido, o Diario Oficial da Unión Europea publicou o pasado 25 de maio o anuncio previo de licitación do servizo de limpeza para todos os portos dependentes do ente público.

Portos de Galicia renovará a través desta fórmula o servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos procedentes dos 122 peiraos que integran o sistema portuario autonómico para darlle un axeitado tratamento. O contrato divídese en tres lotes que se corresponden coas dársenas de cada unha das tres provincias litorais.

Portos de Galicia optou pola publicación desta licitación a través dun anuncio previo no Diario Oficial da Unión Europea co obxectivo de axilizar os prazos para a tramitación do expediente. En base a esta vía administrativa, reducirase o período de presentación de ofertas unha vez iniciada a licitación oficial, que terá que ser autorizada polo Consello da Xunta debido ao seu importe.