Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia impulsa a transformación do peirao de Palmeira en base ao anteproxecto do arquitecto David Chipperfield

A conselleira do Mar participou no acto de presentación do Proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade na contorna do porto de Palmeira

  • Os traballos previstos, en coordinación co Concello de Ribeira, permitirán renovar a imaxe da dársena e facela máis operativa para os profesionais do mar e máis atractiva para os veciños e visitantes.
  • As actuacións supoñen a reordenación do tráfico e do estacionamento na zona, a recuperación do vínculo co mar e a planificación e deseño do espazo público eliminando barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira e achegando a vila ao mar.
  • A primeira fase deste proxecto global está xa na fase licitación cun orzamento de 750.000 euros e suporá a intervención nun espazo de 2.000 metros cadrados e en preto de 400 metros en liña da fachada marítima.

 

Ribeira (A Coruña), 2 de marzo de 2022.- Portos de Galicia, vai impulsar a transformación do peirao de Palmeira, no concello de Ribeira, en base ao anteproxecto deseñado polo arquitecto David Chipperfield e a Fundación RIA. A titular de Mar explicou durante o acto de presentación do Proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade na contorna do porto que as actuacións previstas -en coordinación co Concello de Ribeira- permitirán renovar a imaxe da dársena e facela máis operativa para os profesionais do mar e atractiva para os veciños e visitantes.

Rosa Quintana destacou que a proposta pasa pola creación dun espazo ambientalmente sustentable e integrado na súa contorna que recolla as necesidades dos usuarios do porto e dos veciños. O anteproxecto prevé a actuación no 100% da zona portuaria e divídese en varias fases a desenvolver de xeito progresivo que se irán axeitando á dispoñibilidade orzamentaria e sucesivos convenios co Concello de Ribeira.

No acto, no que tamén participaron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, o arquitecto David Chipperfield e os técnicos da Fundación RIA que participaron no deseño do anteproxecto, a titular de Mar expuxo as liñas estratéxicas das actuacións previstas no bordo portuario de Palmeira.

O proxecto prevé a reordenación do tráfico e do estacionamento na zona, a recuperación do vínculo co mar e a planificación e deseño do espazo público. Con estas medidas contribúese a eliminar barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira e achégase a vila ao mar, para o desfrute de veciños e visitantes de xeito compatible coa actividade portuaria.

 

A primeira fase, en licitación

A representante do Executivo galego salientou que a primeira fase deste proxecto global, consistente na urbanización do paseo exterior e da coieira, está xa na fase de licitación das obras, que contan un orzamento de 750.000 euros. De feito, segundo explicou a presidenta de Portos de Galicia, o proxecto está a exposición pública na páxina web do ente público e o prazo de presentación de ofertas está aberto ata o próximo 17 de marzo.

As obras desta fase supoñen a intervención nun espazo de 2.000 metros cadrados e en preto de 400 metros en liña da fachada marítima. As actuacións inclúen a mellora do espazo público e da mobilidade mediante a ampliación da zona peonil a carón do mar, sobre a coieira existente, e eliminando a barreira visual que supón o actual muro de peche.

A maiores, crearanse balcóns de pedra e gradas integradas no noiro do paseo, ordenarase a circulación rodada con pasos de peóns elevados e renovaranse os pavimentos e o mobiliario urbano buscando reforzar a súa calidade estética, duración e homoxeneidade dos materiais.