Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia inviste case 400.000 euros na mellora dos pantaláns do Freixo, no municipio de Outes.

  • Portos de Galicia está a executar estes traballos incluídos nunha actuación xeral para oito peiraos da provincia da Coruña que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros

Outes (A Coruña), 2 de decembro de 2021.- Portos de Galicia, inviste 395.000 euros nunha actuación de mellora integral das instalacións flotantes do peirao do Freixo, no municipio coruñés de Outes. Así o confirmou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para comprobar o desenvolvemento dos traballos que se atopan en execución.

A representante do ente dependente da Consellería do Mar explicou que Portos de Galicia está a desenvolver unha actuación conxunta de construción, ampliación e mellora de pantaláns en oito portos da provincia da Coruña. Estes peiraos son O Freixo, Corme, Pontedeume, Fisterra, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión e a obra conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros.

A semana pasada deron comezo as obras correspondentes ao porto do Freixo que consisten na renovación integral dos pantaláns que dan servizo a máis de 350 embarcacións. Neles procederase á renovación dos pavimentos con madeira tecnolóxica. Ademais, renovarase a rede de subministración de auga e electricidade, dotaranse de alumeado e instalarase un sistema de apertura de portas dos pantaláns a través do teléfono móbil.

Os traballos completaranse coa instalación de escadas abatibles de subida aos pantaláns desde o mar; o balizamento dos extremos dos pantaláns, así como o saneado de pilotes e limpeza de flotadores, entre outras reparacións puntuais. Finalmente, Portos de Galicia instalará un bolardo para impedir o paso de vehículos á pasarela de madeira.