Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia inviste máis de 250.000 euros en diversas melloras nos peiraos da Guarda.

  • Portos de Galicia ten en execución a mellora funcional da rampla de varada e vén de rematar a rehabilitación da envolvente da nave de redes así como diversas actuacións menores en Camposancos.

 

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar está a investir máis de 250.000 euros nos últimos meses en melloras portuarias para os peiraos guardeses. Así o subliñou esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, nunha visita ao municipio para comprobar as obras que o ente público está a executar na zona.

Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia ten en execución a mellora funcional da rampla de varada da Guarda, cun orzamento de 180.000 euros. As obras consisten na ampliación da rampla de varada, a reparación dos descalces nos peiraos e escadas anexas,  a unión dos muros e a reparación do pavimento existente en varias zonas deterioradas.

Esta actuación únese á que se vén de finalizar de rehabilitación da envolvente da nave de redes. Neste caso, a obra dá resposta a unha necesidade trasladada polo colectivo de redeiras da Guarda e enmárcase na liña de traballo de Portos de Galicia para mellorar as condicións das envolventes de edificios de traballo como lonxas ou naves de redes. Deste xeito, mellóranse as condicións de traballo do sector profesional. O investimento realizado foi de preto de 50.000 euros.

Finalmente, tamén se executaron varias actuacións menores no peirao de Camposancos para mellorar o acceso a terra dos pescadores de río que desenvolven a súa actividade profesional neste porto. Estes traballos supuxeron unha partida de 28.000 euros.