Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia lembra que a solución adoptada para o balizamento da vía de acceso ao peirao de Raxó vén avalada polos servizos técnicos de prevención de riscos

  • O informe de valoración de riscos recolle que para o desnivel entre a vía e a praia “a medida preventiva é a sinalización” e que na actualidade a zona conta xa con “todas as medidas preventivas que a lexislación require
  • Os separadores reflectantes que se están a instalar permiten evitar barreiras máis agresivas nun contorno tan urbano como a bionda homologada para este tipo de vías
  • O proxecto foi presentado ao Concello o pasado luns sen recibir ningunha obxección

 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020.-  Portos de Galicia lembra que a solución adoptada para o balizamento da vía de acceso ao peirao de Raxó, no municipio pontevedrés  de Poio, vén avalada polos servizos técnicos de prevención de riscos contratados polo ente público para informar sobre o estado da zona. En base ao informe deste servizo, o organismo portuario está a executar na vía de acceso ao porto de Raxó unha actuación de balizamento do desnivel existente entre a calzada e a praia e non unha barreira física, como medida de mellora da seguridade.

A decisión de non instalar unha barreira física vén ratificada polo informe técnico de prevención de riscos solicitado por Portos de Galicia a unha empresa externa especializada ante a solicitude de actuación trasladada polo Concello. Este informe recolle textualmente o seguinte: “O risco identificado na zona é a caída a distinto nivel, xa que o desnivel a salvar está en torno a 60-80 centímetros. Para este risco a medida preventiva que se establece é a sinalización do mesmo, neste caso realizada a través da liña amarela paralela ao cantil do areal (as zonas nas que o desnivel é superior atópanse protexidas mediante varandas)”.

Pese a que o informe recolle que o vial de titularidade de Portos de Galicia, e con limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora, conta xa coas “medidas preventivas que a lexislación laboral require”, en aras da colaboración institucional e para atender a demanda do Concello de Poio, Portos de Galicia decidiu reforzar a sinalización a través dos separadores reflectantes que se están a instalar.

Esta proposta trasladouse ao Concello de Poio por escrito o pasado 2 de novembro e persoalmente ao alcalde e a Concelleira de Seguridade Cidadá nunha reunión en Portos de Galicia este luns día 9 de novembro sen obter ningunha obxección pola súa parte. A solución adoptada foi ratificada polos servizos técnicos como medida para garantir aqueles requisitos fundamentais para o ente público, que son: a permeabilidade do acceso á praia; o reforzo da sinalización, especialmente na franxa nocturna; evitar barreiras máis agresivas como o sostemento tipo bionda –o homologado para estes viais- nun contorno tan urbano; e evitar, tamén, reducir aínda máis o escaso ancho da vía.

Ante esta situación e dada a gravidade das declaracións realizadas por algúns representantes municipais do Concello de Poio que contribúen á desinformación nunha materia de tal relevancia como a seguridade viaria, Portos de Galicia fai un chamamento á responsabilidade institucional e insta aos representantes dos veciños de Poio a respectar as decisións avaladas por criterios técnicos deixando á marxe intereses partidistas.

Pola súa banda, o ente público continúa a traballar na mellora da seguridade do porto de Raxó. Non en van, nos últimos meses Portos e o Concello de Poio veñen colaborando na redacción dun convenio para mellorar a circulación nas zonas portuarias.