Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia presenta ao sector profesional de cambados o proxecto de ampliación da lonxa de Tragove cun investimento previsto de máis dun millón de euros

  • A presidenta de Portos de Galicia trasladou á confraría de pescadores a proposta técnica de ampliación e mellora do edificio dotándoo de novos espazos para a limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación.

 

Cambados (Pontevedra), 27 de febreiro de 2023.- Portos de Galicia, redactou o proxecto de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove, no municipio pontevedrés de Cambados. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, presentou esta mañá á confraría de pescadores e aos representantes municipais a proposta técnica, que conta cun orzamento de 1.075.000 euros. Non obstante, a continuidade do expediente de tramitación está pendente de informe por parte do Concello de Cambados.

A representante do organismo autonómico trasladou que o proxecto pretende dar resposta ás necesidades de traballo trasladadas polo sector profesional de Cambados, cunha lonxa que está entre as dez máis importantes da comunidade cunha facturación próxima aos 8 millóns de euros anuais e máis de 1.000 toneladas de produtos do mar comercializadas. Con ese obxectivo, contempla a ampliación do edificio actual cara o noreste, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación.

Ademais, coa finalidade de dar maior cobertura á sala de poxas, redistribuiranse os espazos e ampliarase unha superficie de 260 metros cadrados continuando a cuberta existente que incluirá unha pequena zona abrigada que sirva para acoller a carga e descarga de mercadorías nos camións. Con isto elimínanse do actual espazo da lonxa a zona de limpeza, o almacén de caixas e a cámara frigorífica.

O proxecto presentado inclúe tamén o acondicionamento da actual planta baixa modificando a distribución dos baños e a oficina da confraría e dispoñendo unha zona de vestiario e aseos así como outra de almacén para carretillas. Así mesmo, a oficina de inspección sanitaria substitúese por unha de atención aos clientes. Finalmente, na zona central da lonxa créase un espazo para a pesada do peixe e outro para o marisco e o quiosco destinado a oficinas substitúese por un novo elemento móbil.

 

Outras actuacións previstas

Portos de Galicia ten en marcha outros investimentos de relevancia para os vindeiros meses nos portos do municipio de Cambados. O organismo portuario dotará ao porto de Tragove de 12 novas defensas para mellorar as condicións de amarre e acceso ás embarcacións dos usuarios cun investimento de 64.000 euros.

Ademais, destinará outros 100.000 euros á reposición dos firmes deteriorados no porto de Tragove e 25.000 euros no de Cambados ao tempo que se renovarán os pavimentos dos pantaláns de ambos portos substituíndo os actuais por madeira tecnolóxica. O investimento será de 125.000 euros e permitirá instalar un material que é máis resistente ás especiais condicións do entorno marítimo, que ten menores custos de mantemento e mellora as condicións de tránsito reducindo o risco de esvaróns.

Deste xeito o ente público ten previsto investir máis de 300.000 euros noutras melloras portuarias para Cambados, que se suman ao máis dun millón de euros incluído no proxecto de remodelación da lonxa presentado hoxe ao sector.