Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia promoverá a accesibilidade peonil para o embarque de pasaxeiros no peirao de Bueu

  • A presidenta do ente público mantivo unha reunión de traballo co alcalde do municipio pontevedrés para avaliar as súas demandas no eido portuario.

 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2021.-  Portos de Galicia promoverá a accesibilidade peonil para o embarque de pasaxeiros no peirao de Bueu. Así o manifestou a presidenta do ente dependente da Consellería do Mar, Susana Lenguas, nunha reunión de traballo mantida esta mañá co alcalde da localidade pontevedresa.

Neste encontro, a presidenta de Portos de Galicia explicou que o seu departamento proporá unha reordenación do solo portuario na zona de acceso dos peóns aos peiraos de pasaxe, reforzando a súa seguridade. Esta actuación complementaríase coa instalación dunha marquesiña por parte do Executivo municipal.

Durante a reunión, Susana Lenguas e o alcalde de Bueu avaliaron tamén outras demandas do Concello relativas aos terreos portuarios, como a posibilidade de reversión das zonas de praia que a día de hoxe son titularidade do ente público.

Así mesmo abordaron a exención das taxas ás terrazas instaladas en zona portuaria e a inclusión nos orzamentos de Portos de Galicia da estabilización da praia de Pescadoira, que se licitará unha vez que o proxecto supere o trámite ambiental.