Publicador de contenidos
Portos de galicia ratifica e reitera a súa vontade de facilitar o uso do salón peña previa solicitude de concesión por parte do concello de cambados
- O ente público celebra a unanimidade no acordo parlamentario que ratifica a folla de ruta marcada en 2019 por este organismo para impulsar a tramitación do título administrativo axustada á legalidade e normativa vixente
- O acordo recolle textualmente os dous únicos requisitos que o organismo portuario, conforme á lei, establecera para a tramitación
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021.- Portos de Galicia reitera a súa vontade de axilizar a tramitación da concesión que permita ao Concello de Cambados asumir a xestión do Salón José Peña, cuestión que dependería só do envío da solicitude, tal como a propia alcaldesa comprometera na última reunión co ente público na sede do organismo en Santiago. O ente público que preside Susana Lenguas celebra a unanimidade no acordo parlamentario acadado onte que ratifica a folla de ruta marcada por Portos para impulsar a tramitación de dito título concesional de acordo coa legalidade e normativa vixente, como veu defendendo o organismo desde a renuncia do Concello á autorización que ostentaba.
O acordo parlamentario recolle textualmente a necesidade “de solicitude previa da concesión” por parte do Concello de Cambados e o “compromiso de cumprimento da legalidade vixente”, os dous únicos requisitos que Portos de Galicia, conforme á normativa, establecera para a tramitación do título administrativo. Dado o apoio de todos os grupos parlamentarios a esta proposta, o ente público agarda que a administración local presente canto antes a solicitude para poder retomar a actividade pública no Salón Peña, como é vontade de todas as partes.
Finalmente, Portos de Galicia reitera que veu cumprindo escrupulosamente a folla de ruta que se marcou naquel encontro e que pasaba polo outorgamento dunha autorización temporal ao concello para dar cobertura á xestión do inmoble de xeito provisional ata a aprobación da DEUP, á que a entidade local cambadesa renunciou de forma expresa o mes pasado.
Polo que respecta ao canon económico por esta concesión, desde a dirección de Portos de Galicia lembróuselle por escrito ao Concello de Cambados o pasado 11 de febreiro que esta pode estar suxeita a unha bonificación do 100% polo que supón un custe cero para as arcas municipais sempre que o seu uso se axuste á legalidade e normativa vixente. Os únicos requisitos esixidos pasan polo uso do edificio para actividades de carácter público e que non xeren beneficio económico para o Goberno local. Esta circunstancia debe ser acreditada ante Portos de Galicia polo técnico municipal correspondente.