Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia renova os pantaláns de Pontedeume e dota á escola de remo de novas instalacións de acceso ao mar

A Entidade Pública inviste preto de 250.000 euros nesta actuación incluída nun contrato conxunto de 1,2 millóns para oito dársenas coruñesas.

Visita a PontedeumePontedeume (A Coruña), 18 de agosto de 2022.- Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de renovación e mellora dos pantaláns do peirao de Pontedeume. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou esta mañá a zona para comprobar os traballos que se están a executar nas instalacións aboiantes de uso profesional e náutico-recreativo e que contan cun investimento de 244.000 euros.

As actuacións supoñen, entre outros labores, a renovación integral do pavimento e a dotación de novas prazas de amarre tanto para a frota profesional como para a náutico-recreativa. Coa renovación dos pantaláns dotaranse de novos fingers, o que supón un salto cualitativo na seguridade do acceso ás embarcacións e maior facilidade de amarre. Así mesmo, dotaranse os pantaláns de escaleiras abatibles, balizamento e sistema de control de acceso a través do teléfono móbil ao tempo que se instalarán torres de luz e auga.

En concreto, o pantalán pesqueiro amplíase coa instalación dun novo módulo obténdose en total 33 prazas de seis metros de eslora. En canto aos dous pantaláns de embarcacións deportivas, a actuación permitirá contar con 58 prazas de seis metros e outras 13 de oito metros. En total habilítanse 11 atraques máis, todos eles dotados de fingers. As obras inclúen ademais a construción dun novo pantalán para dar servizo de acceso ao mar aos usuarios da escola de remo da localidade coruñesa.

Esta actuación inclúese nun programa conxunto que Portos de Galicia está a executar por importe de 1,2 millóns de euros para a mellora de pantaláns en oito portos coruñeses: Pontedeume, O Freixo, Corme, Fisterra, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión.