Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia ultima as obras de reforzo da protección da explanada do peirao de suevos, en Arteixo

  • A presidenta de Portos de Galicia visitou os traballos, nos que o ente público inviste preto de 30.000 euros.

Arteixo (A Coruña), 1 de febreiro de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a ultimar as obras de mellora, reforzo e adecuación da coieira e o muro de protección da explanada do porto de Suevos, no municipio coruñés de Arteixo. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, e o alcalde da localidade visitaron esta mañá os traballos, que rematarán proximamente.

Portos de Galicia inviste máis de 28.000 euros nesta actuación que permitirá reducir o impacto do mar sobre a explanada do porto en momentos de temporal. Con ese obxectivo, modifícase a configuración da coieira e reconstruirase o muro. As actuacións supoñen remodelar a disposición da coieira e incrementar o número de pezas que a conforman. Ademais, substitúese o muro existente ata o momento por outro de maiores dimensións.

Estes traballos permitirán mellorar a operatividade e normal explotación das instalacións portuarias e avanzar nas condicións de traballo dos profesionais do porto de Suevos. Ao mesmo tempo, mellorará o aproveitamento da explanada, que incrementa a súa superficie e dá servizo a preto dun cento de usuarios do club náutico da localidade.