Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia investirá arredor de 130.000 euros na reforma do edificio da nave de xeo do porto de Muxía

  • A presidenta de Portos de Galicia presentou ao sector o proxecto para renovar a cuberta e as fachadas do inmoble para dar resposta ás necesidades trasladadas pola confraría de pescadores local.

 

Muxía (A Coruña), 15 de marzo de 2023.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten previsto iniciar proximamente a licitación do proxecto de reforma do edificio da nave de xeo do porto de Muxía. Así o comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á localidade para presentar ao sector profesional e representantes municipais o proxecto técnico para realizar esta actuación.

A representante do Executivo autonómico explicou que o proxecto prevé un investimento de arredor de 130.000 euros e o prazo de execución previsto para as obras, unha vez contratadas, é duns tres meses. A este respecto, Susana Lenguas indicou que a reforma incluirá a renovación da envolvente metálica da cuberta e as fachadas co obxectivo de resolver as deficiencias que presenta derivadas da súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas.

As actuacións consistirán na reposición da cuberta e dos paneis metálicos da fachada así como na substitución de portas, portóns, fiestras e reixas e a renovación das baixantes do edificio ao tempo que se executará o saneamento soterrado ata a rede de pluviais. Esta obra de reforma pretende dar resposta ás necesidades trasladadas pola confraría de pescadores local nunha anterior visita da presidenta de Portos de Galicia a Muxía.

Susana Lenguas lembrou que este investimento previsto se engade a outros traballos de relevancia executados recentemente no peirao muxián, como a reposición da cuberta da lonxa, a dotación de defensas e escalas, a renovación do pavimento do borde portuario ou a instalación de novas varandas. En total, lembrou, lévanse destinados arredor de 600.000 euros a distintas melloras executadas nos últimos tempos no porto de Muxía.