Publicador de contenidos
Portos de Galicia resalta o investimento de 700.000 euros en melloras para o porto de Muxia
Santiago, 20 de novembro de 2023.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, mobilizou e ten en perspectiva investir no porto de Muxía máis de 700.000 euros en melloras nas infraestruturas e as condicións de traballo dos usuarios. O ente público desenvolveu nos últimos meses diversas actuacións que redundan na mellora das instalacións para os profesionais e a náutica de recreo do municipio.
Así, o organismo portuario deu resposta ás necesidades da confraría de pescadores coas obras de reposición da cuberta da lonxa, na que se investiron o ano pasado 200.000 euros. Ademais nesta anualidade 2023 dotouse ao porto de novas defensas e escalas para facilitar as condicións de atracada e a seguridade da frota, a través dun investimento de 170.000 euros. Así mesmo renovouse o pavimento do bordo portuario cunha obra orzamentada en 50.000 euros e renováronse as varandas, para o que se destinaron outros 150.000 euros.
Finalmente, a día de hoxe Portos de Galicia ten en proceso de licitación, pendente de adxudicación, outro proxecto de envergadura para o porto muxían como é a reparación das fachadas e a cuberta da nave de xeo. Nesta actuación o ente público investirá 130.000 euros. Ademais, nos vindeiros días repararanse catro luminarias do porto deportivo, substituíndoas por tecnoloxía LED, con cargo ao contrato de mantemento das instalacións que ten en vigor o ente público para os 122 peiraos autonómicos.