Publicador de contenidos
Portos de galicia e o concello de vilagarcía de arousa acordan a proposta para a reversión ao estado de terreos innecesarios no peirao de vilaxoán
- O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP
- A zona afectada abrangue o parque Doña Concha, o parque infantil Punta Preguntoiro, e a praia e o paseo marítimo do Preguntoiro
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2024.- Portos de Galicia e o Concello de Vilagarcía de Arousa acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde arousán, na sede do organismo portuario.
No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Vilagarcía de Arousa dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente polo conselleiro do Mar coa Fegamp.
En concreto no caso do porto de Vilagarcía de Arousa os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello corresponden ao porto de Vilaxoán, tal como solicitara o Concello. En concreto trátase do parque Doña Concha e o parque infantil Punta Preguntoiro. Ademáis, atendendo á petición do Servizo Provincial de Costas do Estado en Pontevedra, consensuouse a tramitación da reversión da praia do Preguntoiro e a súa contorna, o paseo marítimo.
Carril
Na reunión mantida hoxe entre o presidente de Portos de Galicia e o alcalde de Vilagarcía abordouse a reversión dos terreos solicitados polo Concello, correspondentes ao porto de Vilaxoán. Porén ambas partes acordaron tamén estudiar a posibilidade de propoñer a reversión do parque infantil continguo á lonxa de Carril. Os servizos técnicos avaliarán esta posibilidade para unha posterior tramitación.
A reunión co Concello de Vilagarcía dá continuidade á celebrada días atrás coa Illa de Arousa, dentro da segunda fase do procedemento de reversións, logo de que o Consello Reitor de Portos de Galicia aprobase en xaneiro a declaración de innecesariedade dos terreos dos 8 portos que se incluiron na primeira fase. Tras a ratificación polo Consello Rector, a proposta trasládase á Consellería de Facenda para a súa elevación ao Consello da Xunta. Unha vez aprobadas polo Executivo galego, remitiranse ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.