Publicador de contenidos
XUNTA E AUTORIDADES PORTUARIAS DO ESTADO EN GALICIA ABORDAN ASUNTOS DE INTERESE PARA O SISTEMA PORTUARIO DA COMUNIDADE
- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu a reunión de coordinación dos portos galegos para continuar afondando en actuacións que permitan seguir gañando competitividade e sostibilidade.
- Na folla de ruta está o Impulso da promoción conxunta das dársenas deportivas baixo a filosofía de ‘Galicia, porto único’ co obxectivo de gañar relevancia no mercado nacional e internacional.
- A responsable autonómica e os presidentes das entidades portuarias insistiron na necesidade de desbloquear as dragaxes nas rías Baixas, paralizadas polo Estado desde 2021.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu esta mañá a reunión de coordinación das Autoridades Portuarias do Estado en Galicia, a saber, Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín-Pontevedra e Vigo, e Portos de Galicia na que se abordaron cuestións de interese para o conxunto do sistema portuario galego. Villaverde resaltou a importancia destes encontros para coordinar a resposta ás principais necesidades que comparten tanto os portos de titularidade estatal, dependentes de Puertos del Estado, como os 122 peiraos autonómicos, xestionados pola Xunta de Galicia a través de Portos.
Neste encontro, Xunta e Autoridades Portuarias do Estado en Galicia coincidiron en resaltar os avances na mellora da rede portuaria da comunidade, redundando positivamente nos tráficos de mercadorías, pasaxeiros e na actividade pesqueira, un sector estratéxico que representa ao redor do 5% do PIB e preto de 50.000 empregos. Así, púxose en valor o seu relevante papel no comercio internacional canalizando estes recintos portuarios boa parte das exportacións galegas que no caso da pesca elévanse a 2.800 millóns de euros anuais. Unhas cifras que precisan continuar afondando en novas actuación nestas infraestruturas para seguir gañando competitividade e sostibilidade nun contexto global complexo e moi competitivo.
Por outra banda, houbo consenso en traballar no impulso da promoción das dársenas deportivas baixo a filosofía Galicia, porto único, co obxectivo de que os portos deportivos galegos continúen gañando relevancia no mercado nacional e internacional. Unha folla de ruta que xa está dando os seus froitos rexistrando os peiraos de titularidade autonómica unha facturación 6,2 millóns de euros no 2024. O obxectivo este ano é superar as 5.800 embarcacións estranxeiras que recalaron na comunidade e reforzar esta actividade como fonte dinamizadora das economías das comunidades costeiras. Con ese obxectivo, Portos de Galicia destina este ano 1,2 millóns de euros á mellora e mantemento destes recintos portuarios.
Desbloqueo das dragaxes
Neste encontro, Xunta e Autoridades Portuarias do Estado en Galicia coincidiron na necesidade de que o Ministerio de Transición Ecolóxica autorice canto antes un punto de vertido que permita desbloquear as obras de dragaxe pendentes nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Actuacións que están paralizadas desde 2021 cando o Goberno central decidiu non autorizar máis depósitos no punto E8, no exterior de Sálvora, ata contar cun estudio de alternativas que analizase outras posibilidades.
En resposta a este requirimento, Portos de Galicia constituíu de inmediato unha comisión técnica integrada polo propio ente público, as Autoridades Portuarias de Vilagarcía, Marín-Pontevedra e Vigo –todas elas afectadas pola decisión- e o CEDEX, como organismo estatal de referencia e maior prestixio en materia de dragaxes. Esta comisión realizou durante catro anos o traballo de campo necesario para o estudo de alternativas solicitado e que foi remitido ao MITECO o pasado mes de abril para que este autorice canto antes un punto de vertido en base ao criterio dos técnicos. Na actualidade o Ministerio aínda non autorizou o punto de vertido que permita retomar os proxectos para 16 dragaxes nas Rías Baixas, entre a do río Lérez e acceso ao porto de Pontevedra.