Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Villaverde anuncia unha nova caracterízación completa dos áridos da dragaxe do lérez en resposta as esixencias do ministerio de transición ecolóxica

  • Portos de Galicia ten xa contratado este novo estudo solicitado polo MITECO como condición para informar favorablemente a obra na que a Xunta investirá 11,9 M€
  • A conselleira do Mar deu conta da presentación de 43 alegacións “que serán respondidas co máximo rigor” e das demandas do Goberno central no proceso de información pública

Pontevedra, 24 de abril de 2026.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, realizará unha nova caracterización completa e profunda dos áridos da dragaxe do Lérez en resposta ás esixencias do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO). Este traballo consistirá na análise de mostras de material que se vai dragar para determinar a súas características: composición e propiedades. Así o comunicou esta mañá a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha rolda de prensa na que deu conta do trámite de información pública das obras que impulsa a Xunta de Galicia cun investimento de 11,9 millóns de euros.

Villaverde explicou que desde o inicio do trámite, o pasado 2 de febreiro, Portos de Galicia recibiu 43 alegacións e solicitou 30 informes ás administracións competentes e entidades sectoriais. Neste sentido a conselleira destacou que se solicitaron 8 informes a distintos departamentos da Xunta de Galicia e que todos eles foron contestados xa e son favorables, coas aportacións pertinentes en cada caso. Pola contra das 3 consultas realizadas ao Goberno central recibiuse resposta en prazo de dous dos departamentos, ambos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, non así do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Desde o MITECO esixiuse a Portos de Galicia a realización dunha caracterización completa dos áridos como condición para emitir informe favorable, así como estudos complementarios aos xa realizados en relación ás especies invasoras e as pradeiras de zoostera, e un específico sobre a praia de Lourido, no municipio de Poio. Villaverde explicou que desde o ente público estase a traballar xa para dispoñer canto antes desta nova información que se sumará á resultante das caracterizacións realizadas nos anos 2009, 2014, 2020 e 2024 que constataron que os áridos que se van dragar non presentan contaminación.

A conselleira do Mar deu conta tamén das alegacións recibidas, 7 con contido diferenciado e o resto copias dunha mesma, e asegurou que os técnicos de Portos de Galicia están realizando unha análise exhaustiva do seu contido para contestalas co máximo rigor. Neste sentido agradeceu as achegas de todas elas e mostrou a súa confianza en que poidan enriquecer un proxecto que dá resposta a unha demanda histórica do sector marisqueiro e portuario da ría de Pontevedra, o propio Concello de Pontevedra e o Parlamento de Galicia.

Villaverde reiterou o compromiso do seu departamento con esta actuación e asegurou que a Xunta traballa para poder cumprir canto antes coas esixencias do Goberno central e obter os informes favorables preceptivos a fin de poder executar os traballos como está previsto no ano 2027.

500.000 metros cúbicos de area

Tal como recolle o proxecto e o estudo de impacto ambiental sometido a información pública, a dragaxe levarase a cabo integramente dentro do dominio público portuario do porto de Pontevedra e As Corbaceiras, afectando a unha lonxitude de 4,5 quilómetros e unha área total de 309.130 metros cadrados da que se retirarán máis de 500.000 metros cúbicos de áridos.

O material dragado depositarase na zona validada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica –administración competente- denominada zona B, no exterior da ría de Arousa, que se atopa a 20 millas náuticas da zona máis exterior de actuación e a 24 da máis interior. O ámbito da dragaxe non se atopa dentro de ningún espazo protexido.