Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de galicia inicia a instalación dos módulos de ampliación do dique de abrigo no porto do Xufre, na Illa de Arousa

  • A actuación supuxo un investimento de máis de 300.000 euros e quedará rematada nos vindeiros días.

 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten en execución as obras de ampliación do dique de abrigo aboiante no peirao do Xufre, no municipio pontevedrés da Illa de Arousa. Nas últimas horas vén de dar comezo a instalación na lámina de auga dos módulos que conforman a estrutura de contención aboiante.

A actuación, que entra deste xeito na súa fase final, consiste na ampliación do actual dique aboiante do Xufre, de 240 metros de lonxitude, en 60 metros máis, ata acadar os 300 metros. Para iso colocaranse dous novos módulos de 20x5 metros na cara sur e outro de 20x5 na cara norte.

O obxecto desta ampliación é dar abrigo, por un lado ao pantalán de reparto das instalacións pesqueiras ademais de impedir a entrada de enerxía entre o dique de escolleira e o dique aboiante. Deste xeito, auméntase o abrigo da zona na que se veñen de construír as novas instalacións para as embarcacións mexilloeiras.

A actuación contou cun investimento de máis de 300.000 euros e a finalización da obra está prevista para os vindeiros días. Nesta mesma semana, ademais de colocarse os módulos no seu emprazamento definitivo, trasladarase a baliza ao novo extremo do dique e a nova instalación comezará por tanto xa a prestar servizo.