Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de galicia e o concello de ribeira promoven a primeira fase da remodelación do peirao de palmeira

  • A presidenta do ente público e o alcalde do municipio coruñés firmarán dous convenios para a reorganización da zona portuaria e a regulación do tráfico

 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021.-  Portos de Galicia e o Concello de Ribeira están a traballar de xeito coordinado na posta en marcha da primeira fase da remodelación do peirao de Palmeira. Así se constatou esta mañá nunha reunión de traballo na sede do ente público entre a súa presidenta, Susana Lenguas, e o alcalde ribeirense á que tamén asistiu o patrón maior de Palmeira.

Ambos representantes públicos acordaron no encontro a sinatura dun convenio entre as dúas administracións para impulsar a primeira fase das obras de remodelación de Palmeira, que se atopa en trámite de redacción do proxecto. Esta actuación basearase no anteproxecto presentado para o conxunto do porto polo recoñecido arquitecto David Chipperfield. 

Tal como se acordou na reunión, o proxecto contemplará a reorganización da zona de actividade portuaria tendo en conta con carácter prioritario as necesidades do sector marítimo-pesqueiro e integrando estas coa remodelación da contorna. Ademais, acordouse a elaboración doutro convenio para o regulamento do tráfico por parte de efectivos municipais  nos portos de Palmeira e Corrubedo.

 

Reversión de terreos

A presidenta de Portos e o alcalde de Ribeira abordaron tamén o reinicio do expediente para a reversión dos terreos portuarios con cualificación de integración porto-cidade na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. Con isto retómase a iniciativa para devolver a titularidade desta zona que carece de actividade portuaria a Costas do Estado para que, á súa vez, a ceda ao Concello de Ribeira.

 

Deste xeito facilitaríase unha distinción máis operativa entre a zona de actividade portuaria e a pública, permitindo reservar o terreo portuario para os usuarios do mesmo e aportando a zona sen actividade sectorial para o uso da cidadanía.