Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia inicia as obras de reparación do paseo do cantiño, na Illa de Arousa

  • Os traballos buscan restituír a estrutura ao seu estado inicial mediante a consolidación da capa de recheo que serve de base á liña peonil do paseo.
  • O Executivo galego lembra que vén realizando investimentos recorrentes nesta infraestrutura para a súa conservación e mantemento con máis de 40.000 euros destinados nos últimos dous anos.

 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2023. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe o paseo do Cantiño, no bordo portuario da Illa de Arousa, onde o ente dependente da Consellería do Mar iniciou con carácter urxente traballos para a súa reparación. O obxectivo é corrixir as deficiencias desta infraestrutura, construída hai máis de tres décadas e que presenta danos derivados da perda de áridos finos no recheo que serve de base á liña peonil do paseo.   

A responsable do ente público explicou que as obras están en execución desde principios desta semana e buscan restituír o estado da superficie ao seu estado orixinal previa consolidación desa capa de recheo do paseo con aporte de material. Nesta liña, indicou que a solución técnica definitiva e o importe final das actuacións virán determinados polo alcance dos danos que detecten nesta fase inicial das obras.

Susana Lenguas lembrou os investimentos recorrentes do ente público para a conservación e mantemento do paseo do Cantiño, ao que se destinaron máis de 40.000 euros nos últimos dous anos. Ademais, a presidenta de Portos de Galicia subliñou o esforzo inversor realizado pola Consellería do Mar no concello da Illa de Arousa, onde se destinaron 10 millóns de euros desde o ano 2009 a distintas actuacións no porto do Xufre.

Neste sentido, a representante do ente público puxo de relevo que a Xunta realiza investimentos para mellorar as condicións de traballo do sector profesional deste concello pontevedrés sen esquecer aquelas infraestruturas da súa titularidade -como o paseo do Cantiño- que serven como zonas de lecer de uso veciñal.

 

Luminarias

A presidenta de Portos de Galicia tamén destacou na súa visita á zona que o seu departamento prevé investir máis de 100.000 euros na renovación das luminarias dos portos do municipio. Esta actuación enmárcase no contrato global de dotación de equipamentos LED en distintas dársenas do litoral galego co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a iluminación das instalacións.