Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de galicia e o concello da guarda acordan a proposta definitiva para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria

  • O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP
  • A zona afectada abrangue toda a fronte do paseo marítimo e cumpre coa totalidade do ámbito demandado polo Concello
  • Esta reunión co rexedor da Guarda, logo das outras mantidas esta semana con Cangas, Vilanova de Arousa e Foz para incluír estas propostas, xunto coa de Santa Cruz (Oleiros) na primeira fase do proceso que o Consello da Xunta trasladará ao Goberno central para a súa aprobación en Consello de Ministros

 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024.- Portos de Galicia e o Concello da Guarda veñen de acordar a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde da Guarda, na sede do organismo portuario.

No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello da Guarda, dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.

En concreto no caso do porto da Guarda os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen toda a fronte do paseo marítimo. Esta delimitación da cobertura íntegramente ao ámbito demandado pola administración local a Portos de Galicia.

A reunión co Concello da Guarda dá continuidade ás celebradas nos últimos días cos concellos de Cangas, Vilanova de Arousa e Foz para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.

 

 

Poden descargar a documentación a través do seguinte enlace:

Plano da reversión dos terreo no porto de A Guarda.pdf