Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia licita por 645.000 euros as obras de ampliación da lonxa de Campelo, en Poio

  • As actuacións proxectadas por Portos de Galicia no edificio pretenden facilitar o labor que desenvolven nel as confrarías de Lourizán, Raxó e Pontevedra.

 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021.- Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de ampliación da lonxa de Campelo, no municipio pontevedrés de Poio. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 645.000 euros.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal). Os licitadores terán de prazo ata o día 20 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

O obxecto das obras proxectadas é acondicionar e ampliar a zona de uso administrativo existente para satisfacer as demandas dos usuarios e traballadores do edificio pois na lonxa de Campelo desenvolven actividade as confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó. En total, o ano pasado descargáronse nesta lonxa preto de 500 toneladas de peixe fresco cun valor en primeira venta de 5,2 millóns de euros.

Para mellorar as condicións de actividade do edificio será necesaria a construción dunha nova ampliación no extremo sueste, sobre a zona de acceso e aparcadoiro. O esquema de uso mantense, quedando a zona de oficinas e acceso de público na planta baixa e as estancias destinadas a reunións na planta alta. Na planta baixa mantense a distribución cun corredor central como eixo que dá acceso ás oficinas e inclúese unha estancia de almacén conectada directamente coa nave principal da lonxa.

 

Melloras na planta alta

En canto ás comunicacións verticais, a escaleira de caracol existente retírase e a comunicación coa planta alta trasládase á zona ampliada, onde se sitúa tamén un ascensor para garantir a accesibilidade a todo o edificio. Nesta nova zona ampliada sitúanse tamén os aseos públicos e un despacho. Na planta superior engádese unha sala de reunións, os aseos do persoal, un pequeno almacén e un cuarto de instalacións con ventilación directa ao exterior.

A entrada ao edificio mantense no mesmo punto, a través dun acceso que ofrece protección da choiva e o sol mediante unha marquesiña. Finalmente, na zona da ampliación existente dedicada á depuradora efectuarase unha reforma executando un tabique de separación.