Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia realizou 57 obras de dragaxe desde o ano 2000 e estuda preto doutras 40 co obxectivo de mellorar a operatividade dos peiraos autonómicos

  • Máis da metade dos áridos extraídos nestas actuacións foron empregados para outras tarefas como obras portuarias ou a rexeneración de praias e bancos marisqueiros
  • A tramitación destes traballos é complexa pois inclúe numerosos procedementos que afectan a arredor dunha vintena de organismos dependentes das administracións estatal, autonómica e local
  • A Entidade asinou en 2021 un contrato de servizo para a redacción dos estudos ambientais e dos proxectos dunha trintena de dragaxes nos peiraos autonómicos co obxectivo de axilizar a planificación técnica e ambiental destas actuacións
  • A finalidade última destas obras é mellorar a operatividade dos portos impulsando  a súa actividade e a economía do conxunto de Galicia

Portos de Galicia executou desde o ano 2000 un total de 57 obras de dragaxe e estuda preto doutras 40 co obxectivo de mellorar a operatividade dos peiraos autonómicos. Así o recolle un informe analizado hoxe polo Consello da Xunta que dá conta da complexidade da planificación, tramitación e execución deste tipo de actuacións, que supoñen un dos eixos estruturais de traballo do organismo portuario autonómico. 
Estas obras para extraer area e outros materiais dos fondos mariños teñen como finalidade que os portos gañen calado. Desde o ano 2000, trala entrada en vigor da prohibición de explotación mercantil da area das dragaxes, Portos de Galicia asumiu todas as tarefas de planificación, tramitación e execución destas actuacións, realizando esas 57 dragaxes entre 2001 e 2021. O volume de area extraída coa execución deses proxectos ascende a 1,3 millóns de metros cúbicos, o que equivale a case 200 campos de fútbol cun espesor medio de dragaxe dun metro. 

Na maioría dos casos trátase de dragaxes de pequena entidade xa que, salvo as efectuadas en portos como os de Ribadeo, Burela ou Brens (Cee) -que superan os 100.000 metros cúbicos extraídos- adoitan estar comprendidas entre os 3.000 e os 25.000 metros cúbicos cada unha. En canto ao destino deses áridos, máis do 54% foron empregados para outras tarefas -uso en obras portuarias e rexeneración de praias ou bancos marisqueiros- mentres que o 46% restante foi depositado nos puntos autorizados con ese obxecto.

O informe tamén recolle que na actualidade Portos de Galicia ten en execución dúas dragaxes, as de Laxe e Carril, mentres que outros 38 portos precisan actuacións deste tipo. No caso dos de Ribadeo e Cariño xa se está coa tramitación ambiental mentres que se traballa na planificación previa nos casos da Pobra, Aguiño, Aguete, Arcade, Ares, Barallobre, Burela, Camelle, Cesantes, Combarro, Camariñas, Cabo de Cruz, Cedeira, Corcubión, Escarabote, Espasante, Fisterra, Foz, Lorbé, Malpica, Miño, Moaña, Ortigueira, Pedras Negras, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Meloxo, O Barqueiro, Palmeira, Portosín, Rianxo, Sada, Santo Tomé, Testal e Tragove. 

Ademais, o documento subliña que hai 16 portos autonómicos que teñen necesidades periódicas de dragaxe, cunha frecuencia de arredor de 10 anos. Son Ribadeo, Foz, Burela, Ortigueira, O Barqueiro, Ares, Miño, Laxe, Muxía, Testal, Rianxo, Bueu, Cesantes, A Pasaxe, Espasante e Cariño.

Tempos de tramitación

O informe avaliado polo Consello da Xunta recolle tamén os tempos de tramitación medios das obras de dragaxe, que pode prolongarse máis de dous anos cando non é necesaria a avaliación de impacto ambiental. Nos casos nos que si é requirida unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, coa correspondente declaración de impacto ambiental (DIA) os trámites poden alongarse máis aló dos tres anos.

O prazo de execución dos traballos de dragaxe, pola súa banda, van moi ligados ao tipo de material que se draga e á localización dos puntos de depósito ou aproveitamento así como á distancia e condicións de navegabilidade durante a realización dos traballos. De feito, en ocasións a propia DIA exixe ou establece a realización das obras nunha determinada época para reducir a afectación á contorna tendo en conta aspectos como os tempos de reprodución ou aniño de especies.

No proceso de tramitación das dragaxes interveñen arredor dunha vintena de organismos dependentes das administracións estatal, autonómica e local, o que alonga os prazos. Precisamente, co obxectivo de dar resposta con celeridade aos peiraos que precisan dalgunha dragaxe e de axilizar a planificación técnica e ambiental destas obras, Portos de Galicia asinou en 2021, por importe de 2,2 millóns de euros, un contrato de servizo para a redacción dos estudos ambientais e dos proxectos e documentación complementaria necesaria para a tramitación administrativa dos proxectos de dragaxe de máis dunha trintena de peiraos autonómicos.

Este contrato contribuirá a axilizar a tramitación destas actuacións, que implican procedementos complexos e contribúen a mellorar a operatividade dos portos impulsando a súa actividade e a economía do conxunto de Galicia.