Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia apela á colaboración dos concellos para poder aumentar os horarios e zonas autorizadas á pesca recreativa

  • A presidenta do ente público respondeu a unha pregunta oral en Comisión 8ª do Parlamento de Galicia
  • Susana Lenguas subliñou o esforzo realizado polo Executivo galego para integrar unha práctica vinculada unicamente ao ocio veciñal e allea á actividade portuaria
  • O organismo portuario propón aumentar os permisos en 29 portos, o que achegaría ao 90% do sistema portuario o levantamento da prohibición vixente desde 1970
Comisión 8ª

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, contestou esta mañá a unha pregunta oral na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia sobre as accións desenvolvidas polo ente público para ampliar os horarios e zonas autorizadas á pesca recreativa en superficie nos peiraos de titularidade autonómica. Susana Lenguas instou aos Concellos que apoiaron publicamente as demandas dos colectivos desta actividade a ir máis alá e formalizar o seu apoio aportando a colaboración institucional que Portos lles solicita para poder abrir máis zonas e horarios minimizando os riscos, tal e como fan noutras actividades de ocio efectuadas nos portos.

“Non é un asunto menor permitir unha actividade de ocio nunha contorna profesional coma a portuaria”, explicou, polo que é preciso “establecer un control e vixilancia por parte dos Concellos ao tratarse dunha actividade vinculada unicamente ao ocio veciñal e allea por completo á actividade portuaria”. Ademais engadiu que Portos “dá por feito o compromiso dos Concellos despois de que os representantes municipais fosen os abandeirados de moitas das solicitudes de apertura de novas zonas”. 

Así mesmo, Susana Lenguas subliñou o esforzo realizado por Portos de Galicia para integrar esta actividade mantendo contacto cos colectivos representantes dos pescadores recreativos. Ademais lembrou que se flexibilizaron os prazos de alegacións para modificar, en base á experiencia recadada neste ano de vixencia, a normativa publicada o pasado verán que levantou a prohibición á pesca recreativa no 70% do sistema portuario autonómico. 

En base ás 41 solicitudes recibidas, relativas a 31 dársenas, o ente público propón agora o incremento de zonas e horarios permitidos para esta actividade en 29 portos, o que achegaría ao 90% do sistema portuario o levantamento da prohibición vixente desde 1970.

Deles, en catro amplíanse os tramos sen necesidade de someterse a ningún requisito engadido aos que xa rexían e nos 25 restantes ofrécese esta posibilidade condicionada ao apoio en materia de vixilancia e control por parte dos Concellos.