Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

A xunta recorre ante a xustiza o novo canon imposto polo estado para gravar as concesións asentadas en terreos adscritos aos portos autonómicos

A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes do sector marítimo-pesqueiro para analizar a situación de determinadas concesións nos peiraos autonómicos.

 

  • A medida supón que os concesionarios vexan multiplicado o importe das taxas que aboan, ao sumar a estatal á galega, por ocupar espazos que os portos gañaron con posterioridade a que o Goberno central os transferise ás comunidades autónomas.
  • A titular de Mar advirte de que este canon estatal se pon en marcha sen que houbese ningún cambio lexislativo que o xustifique e que as súas implicacións poñen en risco a viabilidade de moitas concesións das dársenas galegas.
  • No caso que motiva a presentación da demanda a orde ministerial supón multiplicar por tres o importe da taxa autonómica e un impacto de máis de 120.000 euros anuais.
  • O xeito de proceder do Goberno central pode afectar a distintas actividades portuarias como portos deportivos, asociacións de mexilloeiros, lonxas, varadoiros e outras entidades asentadas nos peiraos.
  • Rosa Quintana asegura que este é un novo ataque do Ministerio de Transición Ecolóxica contra o sector do mar de Galicia no que volve interferir nas competencias exclusivas da comunidade para xestionar os portos que non son de interese xeral.

 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con distintos representantes do sector marítimo-pesqueiro galego no que anunciou que a Xunta presentou un recurso contencioso-administrativo contra unha orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que establece un novo canon que afecta ás concesións que ocupan terreos portuarios adscritos, é dicir, aquelas superficies que foi preciso ampliar despois de que os peiraos fosen transferidos polo Estado ás comunidades autónomas.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou que o Executivo central introduciu esta nova taxa sen que houbese ningún cambio lexislativo que o xustifique e que as súas implicacións poñen en risco a viabilidade económica de moitas concesións vixentes nas dársenas galegas.

Neste sentido, a representante da Xunta detallou que este novo canon se engade ás taxas que xa aboan os concesionarios ao ente público galego e que o seu importe nalgún caso é o dobre que o autonómico, co que os afectados terían que pagar nalgúns casos ata o triplo por ocupar eses espazos en terreos adscritos.  

Rosa Quintana subliñou que esta cuestión xa se entrevía nos últimos informes emitidos por Costas, pero materializouse en maio deste ano cando o Ministerio notificou a Portos de Galicia e a un concesionario a orde ministerial na que se recolle este novo canon en base a unha interpretación dubidosa da Lei de Costas estatal. Deste xeito, as concesións que ocupan terreos ampliados en dársenas autonómicas tralas transferencias estatais a Galicia estarían sometidas á taxa autonómica e tamén á estatal.

No caso concreto que serve para a presentación do recurso por parte da Xunta de Galicia, a aplicación do canon supón multiplicar por tres a taxa galega e un impacto de máis de 120.000 euros anuais, o que dificulta a viabilidade económica da concesión.

Nesta liña, hai diferentes informes emitidos polo Goberno central que mostran a súa intención de actuar do mesmo xeito con outras concesións en portos como Sada, Vilaboa, Rianxo, Sanxenxo, Combarro, Bueu, A Guarda, A Toxa ou Baiona. A aplicación desa orde ministerial podería afectar a distintas actividades portuarias como portos deportivos, asociacións de mexilloeiros, lonxas, varadoiros e outras entidades asentadas nos peiraos.

 

Novo ataque

A Xunta considera que este é un novo ataque ao sector do mar de Galicia e está en total desacordo con esta taxa, que volve interferir nas competencias exclusivas da comunidade nos portos que non son de interese xeral. Unha vez máis o Estado obvia o decreto de transferencias ás comunidades autónomas na consecución dos seus propios obxectivos.

A conselleira lembrou que no seu momento o Goberno central transferiu os portos ás comunidades autónomas, non só unhas determinadas superficies invariables, polo que os terreos adscritos deben considerarse parte do peirao e aplicárselle as mesmas regras. De feito, a comunidade é a que presta servizos, xestiona as concesións, mantén e, na maioría dos casos, constrúe as infraestruturas portuarias.

Precisamente iso é o que lle trasladou a Xunta ao Ministerio nun requirimento remitido en xullo no que pedía que se declarase nula a orde pola que se establece o canon e o deixase sen efecto, pero a Administración galega non obtivo resposta. Ante a falta de contestación, o Executivo galego presentou o recurso contencioso-administrativo -que foi admitido a trámite en outubro- co obxectivo de defender os intereses dos concesionarios das dársenas galegas e solicitar a nulidade do canon.

A titular de Mar lamentou que esta taxa, que semella creada para buscar un novo nicho de recadación, pode provocar a creba económica de moitos concesionarios ao ver multiplicadas as súas taxas e situacións difíciles de entender como que dúas prazas de atraque contiguas aboen taxas moi dispares, unha só a autonómica e a outra tanto a galega como a estatal.

Por iso, Rosa Quintana comprometeuse cos representantes do sector a traballar na defensa dos seus intereses ante os tribunais, pois semella que é a única forma de frear os plans do Goberno central de botar da costa calquera vestixio de presenza humana. Neste sentido, a conselleira lembrou precedentes como o recurso estatal ao plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023, a Lei estatal de Cambio Climático e a reforma do regulamento xeral de Costas ou a interferencia nas competencias de Portos de Galicia no plan especial de Cambados.

A representante da Xunta confiou en que os tribunais lle dean a razón a Galicia e que o Ministerio para a Transición Ecolóxica poña fin aos seus constantes e inxustificados ataques contra o mar de Galicia. Nesta liña, subliñou que a comunidade leva décadas traballando e protexendo o seu litoral e que quere seguir facéndoo, apostando pola sustentabilidade ambiental e socioeconómica así como pola dinamización das zonas costeiras.