Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia e o sector náutico autonómico avalían fórmulas de resposta á observación das candorcas dentro da estratexia promocional para o 2023

  • Portos de Galicia afondou co sector na grave repercusión económica da nova imposición dun canon estatal aos portos autonómicos.

 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e o sector náutico autonómico iniciaron a planificación da accións a desenvolver para optimizar a náutica de recreo na comunidade de cara ao vindeiro ano 2023. Con este obxectivo, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, mantivo esta semana unha reunión de coordinación cos representantes dos xestores de portos deportivos de titularidade da Xunta.

Neste encontro, Susana Lenguas volveu destacar a preocupación que supón para a Administración galega a interacción das candorcas cos barcos de vela. Lembrou que desde Portos de Galicia se está a traballar co Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove e especializado no estudo do comportamento dos cetáceos, para buscar posibles fórmulas de resposta que reduzan o impacto desta problemática na actividade náutica. Neste sentido, os participantes na xuntanza, coincidiron en destacar as vantaxes das ferramentas que permiten localizar en tempo real a estes cetáceos para poder prever os avistamentos.

 

Así mesmo, na reunión ratificouse o calendario de ferias náuticas nas que Galicia prevé estar representada o vindeiro ano a través de Turismo de Galicia e Portos e que, por consenso co sector, son Dusseldorf (Alemaña), Hiswa Te Water (Países Baixos), La Rochelle (Francia) e Southampton (Gran Bretaña).

 

Taxa ás superficies adscritas

Na reunión de coordinación co sector náutico galego, a presidenta de Portos lembrou ademais a grave problemática derivada da decisión do Goberno central de comezar a cobrar un canon estatal ás concesións dos portos autonómicos que ocupen terreos adscritos con posterioridade aos portos transferidos no Estatuto de Autonomía.

A este respecto, Susana Lenguas insistiu en que esta decisión estatal que supón unha nova interpretación da lexislación evidencia un afán recadatorio e pode supoñer a quebra económica de moitas empresas concesionarias de Portos de Galicia ao significar a imposición dunha nova taxa que multiplica en importe á que xa pagan á Xunta polos servizos que se lles prestan.