Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA MANIFESTA A SÚA VONTADE DE FACILITAR O USO DO SALÓN JOSÉ PEÑA SE EXISTE UNHA SOLICITUDE DE CONCESIÓN POR PARTE DO CONCELLO DE CAMBADOS

  • O organismo portuario lembra que na última reunión coa alcaldesa se explicitou a inexistencia de impedimentos para tramitar unha concesión e a vía libre para formalizar unha solicitude por parte do Concello de Cambados unha vez aprobada a DEUP, que foi ratificada o pasado mes de novembro
  • A xestión pode ter un custe cero para a Administración local simplemente certificando unha xestión axustada á legalidade e normativa vixente e a inexistencia de lucro para o Concello nas actividades levadas a cabo nese local

 

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021.- Portos de Galicia sinala a súa vontade de colaborar co Concello de Cambados para a tramitación dunha concesión administrativa que leve á entidade local cambadesa a asumir a xestión do Salón José Peña, cuestión que dependería só do envío da solicitude e á que se comprometeu a alcaldesa de Cambados na última reunión entre ambas administracións.

O organismo portuario lembra que neste encontro de traballo se lle comunicou á primeira edil a inexistencia de impedimentos para tramitar unha concesión e a vía libre para formalizar unha solicitude por parte do Concello de Cambados unha vez aprobada a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), que foi ratificada polo Consello de Administración do ente público o pasado mes de novembro.

O ente público portuario sinala que non se precisa de aportación algunha por parte de Portos de Galicia para presentar dita solicitude, polo que rexeita que sexa necesaria unha reunión previa; argumento do Concello que está a retrasar a tramitación da concesión e polo tanto a actividade normal no edificio.

Portos de Galicia subliña que está a cumprir escrupulosamente a folla de ruta que se marcou naquel encontro e que pasaba polo outorgamento dunha autorización temporal ao concello para dar cobertura á xestión do inmoble de xeito provisional ata a aprobación da DEUP, á que a entidade local cambadesa acaba de renunciar de forma expresa.

Polo que respecta ao canon económico por esta concesión, desde a Dirección de Portos de Galicia lembróuselle por escrito ao Concello de Cambados o pasado 11 de febreiro que esta pode estar suxeita a unha bonificación do 100% polo que supón un custe cero para as arcas municipais sempre que o seu uso se axuste á legalidade e normativa vixente. Os únicos requisitos esixidos pasan polo uso do edificio para actividades de carácter público e que non xeren beneficio económico para o Goberno local. Esta circunstancia debe ser acreditada ante Portos de Galicia polo técnico municipal correspondente.