Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia inviste 350.000 euros nos pantaláns do peirao do Testal para mellorar as condicións de atraque de 260 embarcacións pesqueiras

A presidenta de Portos acompañada da conselleira de Mar visitaron hoxe as obras de mellora no porto de Testal

  • Portos de Galicia vén de iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses e dan resposta ás necesidades do sector profesional da zona
  • A titular de Mar salienta a transcendencia de optimizar as instalacións dos portos autonómicos pois son importantes polos de xeración de emprego e riqueza na súa contorna

 

Noia (A Coruña), 5 de maio de 2021.-  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o porto do Testal, onde Portos de Galicia vén de iniciar as obras de reforma e mellora dos pantaláns, finguers e pasarelas deste peirao do concello coruñés de Noia. A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, explicou que esta actuación conta cun investimento de 350.000 euros.

A representante do Executivo galego subliñou que os traballos que se están a realizar nas instalacións responden ás necesidades do sector profesional, que foron trasladadas tanto pola confraría de pescadores local como polo Concello. As obras beneficiarán a máis de 260 embarcacións pesqueiras que empregan estas infraestruturas ao mellorar as condicións de atraque, co que facilitan tamén o desenvolvemento da actividade diaria dos profesionais do mar desta localidade.

Os traballos que se están a realizar pasan pola renovación integral do pavimento dos pantaláns, substituíndo o actual por madeira tecnolóxica, así como a habilitación dos servizos básicos de alumeado e subministración de auga ou o repintado dos pilotes. Ademais, melloraranse as condicións de seguridade das instalacións ao habilitar un sistema de control de acceso aos pantaláns que funciona co teléfono móbil. Finalmente, balizarase tamén a punta de liña do pantalán.

A conselleira do Mar explicou que con esta actuación a Xunta avanza na súa programación de melloras nos distintos portos da comunidade, que teñen como obxectivo optimizar as condicións de traballo dos profesionais do mar. Uns labores, aclarou, que contribúen a reforzar o potencial das vilas mariñeiras e a enxalzar o seu atractivo tanto entre a poboación local como entre os seus visitantes.

 

Actuacións previas

Estas actuacións, lembrou Rosa Quintana, engádense a outras xa realizadas no concello de Noia como a mellora da lonxa do Testal, na que a Consellería do Mar investiu arredor de 560.000 euros. Nesa obra melloráronse aspectos como o pavimento da sala de poxas, as cubertas ou os canlóns do inmoble ao tempo que se mellorou a eficiencia enerxética do edificio e se creou unha zona para visitantes.

A titular de Mar salientou que os portos son importantes polos de xeración de emprego e riqueza na súa contorna, polo que apostou por seguir mellorando as infraestruturas portuarias da comunidade para dinamizar a súa economía. Trátase dun asunto de especial transcendencia en situacións de dificultades como a actual, como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus, engadiu.