Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Galicia acolle desde mañá a travesía náutica xacobea navega o camiño con sete etapas por distintos portos da comunidade

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou no acto de inicio en Galicia da travesía náutica xacobea Navega o Camiño.

 

  • A titular de Mar e a presidenta de Portos de Galicia realizarán mañá a primeira etapa desta ruta marítima a bordo dunha embarcación fretada pola organización que conta cunha tripulación amplamente feminina liderada pola campioa olímpica Ángela Pumariega.

 

  • Rosa Quintana descubriu no peirao de Ribadeo a primeira das 28 mouteiras que identifican aos portos de titularidade autonómica designados como portos xacobeos para chamar a atención dos navegantes internacionais

 

  • Executivo galego salienta a importancia desta peregrinación por mar para promocionar Galicia no exterior e impulsar a náutica de lecer tralo impacto da alerta sanitaria pola covid-19

 

  • El evento consta de sete etapas entre Ribadeo e o río Ulla con escalas en distintos portos da comunidade e rematará o 19 de xuño coa chegada a pé a Santiago de Compostela

 

Ribadeo (Lugo), 10 de xuño de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde no acto de inicio en Galicia da travesía náutica xacobea Navega o Camiño, unha vertente galega desta peregrinación por mar que comeza mañá no peirao de Ribadeo e que conta con sete etapas que rematan o próximo 19 de xuño coa chegada a pé a Santiago de Compostela. A titular de Mar salientou a importancia desta iniciativa para promocionar Galicia no exterior pois permite dar visibilidade ao Camiño de Santiago por mar e contribúe a impulsar a náutica de lecer e a optimizar a explotación das instalacións náutico-recreativas da comunidade.

A representante do Executivo galego lembrou que o Xacobeo 21-22 é unha oportunidade única para reactivar o turismo náutico, un sector moi castigado pola pandemia da covid-19 e recuperar pouco a pouco os niveis de actividade de previos á alerta sanitaria. “Galicia é un destino seguro por terra e por mar e esta é unha mostra máis”, subliñou Rosa Quintana. 

O acto tamén serviu para descubrir no peirao de Ribadeo a primeira das 28 mouteiras que identifican aos portos de titularidade autonómica designados como portos xacobeos co obxectivo de chamar a atención dos navegantes internacionais para que recalen na costa galega. A eles poderán sumarse tamén outros portos de titularidade estatal ou embarcadoiros dependentes dos concellos se así o desexan.

Estas mouteiras -que consisten nun banco con forma de onda fabricado en formigón armado branco e co nome do porto en que se coloca- inclúen unha nota sobre a orixe do peirao e a súa actividade histórica baseada no estudo do investigador do Consello Superior de Investigacións Cientíticas (CSIC) e doutor de Historia Medieval da Universidade de Vigo Francisco Javier Pérez Rodríguez.

O deseño deste indicador, realizado polo arquitecto Lucas Díaz, pretende evocar o perfil costeiro de Galicia, as montañas e os ríos que conflúen no mar ou os propios camiños que entran na comunidade con curvas sinuosas para adaptarse á orografía co obxectivo de que sexa un sinal de identidade do Camiño por mar.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, salientou tamén que unha das novidades desta sexta edición da travesía Navega o Camiño é o feito de que un dos barcos que participan -no que navegarán tanto ela como a presidenta de Portos de Galicia na etapa de mañá- conta cunha tripulación amplamente feminina coa campioa olímpica Ángela Pumariega como patroa. “Trátase dunha oportunidade única para darlle visibilidade ao gran labor das mulleres neste eido e co que reivindicar o papel da muller no mar e na práctica náutico-deportiva”, explicou Rosa Quintana.

 

Ruta Navega o Camiño

A travesía náutica xacobea Navega o Camiño comeza mañá e remata o 19 de xuño tras sete etapas por distintos portos da comunidade que van desde Ribadeo ata o río Ulla para chegar a Padrón en catamarán e completar a pé o último tramo do camiño ata Santiago. A participación é libre, sen necesidade de inscrición, pois os navegantes que queiran unirse só teñen que reservar a súa praza de tránsito no porto no que fagan escala.

A frota que participa nesta acción está formada polos barcos das asociacións organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, por unha embarcación de vela adaptada coordinada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e o barco oficial da Xunta no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos co fin de promocionar os portos galegos no contexto do Xacobeo 2021-2022. Entre as unidades fretadas pola organización atópase o tripulado pola olímpica Ángela Pumariega.

Un dos fitos máis importantes da travesía producirase o próximo xoves 17 de xuño, día no que se atoparán no Real Club Náutico de Portosín os barcos que realizan esta peregrinación por mar desde o inicio e os integrantes da frota participante nunha ruta paralela que ten como punto de partida o porto de Baiona.