Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia investirá preto de 270.000 euros no reforzo do dique flotante do porto marinense de Aguete

  • Esta actuación busca dar resposta ás necesidades dos usuarios deste peirao, que acolle máis de 200 embarcacións durante a época estival
  • As actuacións proxectadas contrataranse proximamente e consistirán na reposición de dous dos seis módulos maiores na zona central de abrigo desta instalación

Visita peirao de AgueteMarín (Pontevedra), 24 de agosto de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, acompañada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Real Club de Mar de Aguete para presentarlle o proxecto de mellora do dique de abrigo deste porto marinense. A esta actuación, explicou a titular de Mar, Portos de Galicia destinará arredor de 270.000 euros e busca dar resposta ás necesidades dos usuarios do peirao de Aguete, que acolle máis de 200 embarcacións durante a época estival.

Segundo expuxo a conselleira, este proxecto foi licitado e proximamente realizarase a contratación. As actuacións proxectadas consisten na reposición de dous dos seis  módulos maiores cos que conta esta instalación, composta por un total de oito módulos. Estas melloras realizaranse na zona central de abrigo e os módulos serán de formigón tipo caixa de 5 metros de ancho e 20 metros de lonxitude cada un e 1,80 metros de puntal. Fondearanse mediante mortos de formigón de 10 toneladas e cadeas de aceiro.

A titular de Mar engadiu ademais que os módulos contarán coas instalacións necesarias para unha posible unión entre eles no futuro. Neste sentido, estarán dotados de conducións para o paso de instalacións de servizo e arqueta rexistrable para a conexión de posibles torretas de subministración. Ademais incluirán caixas para a montaxe dunha unión entre eles e asas de ancoraxe para o fondeo.

Outras melloras que se están a estudar no peirao de Aguete e que mencionou a conselleira son a reparación do fondeo do pantalán para asegurar a súa estabilidade e a demolición do edificio do antigo surtidor que está en desuso co obxectivo de gañar espazo para os usuarios do porto.

Con estes traballos, expuxo Rosa Quintana, Portos de Galicia busca a fórmula axeitada para a posta en valor deste peirao marinense atendendo ás demandas e necesidades dos seus usuarios e aos informes e estudos técnicos.