Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia reafirma o seu compromiso coas enerxías limpas nos peiraos durante a clausura da `IV Green Energy Ports Conference’

  • A presidenta de Portos de Galicia participou no peche das xornadas sobre peiraos sustentables e respectuosos co medio ambiente organizadas pola Autoridade Portuaria de Vigo
  • Susana Lenguas puxo en valor algunhas iniciativas do Executivo galego como o proxecto integral de renovación de luminarias co que no período 2022-2023 se substituirán máis de 2.000 lámpadas portuarias de diversa tipoloxía por tecnoloxía led.

Imaxe da clausura de Green PortsVigo, 23 de setembro de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participou hoxe na clausura da IV Green Energy Ports Conference, unha iniciativa sectorial internacional para o impulso das enerxías limpas nos portos, organizada pola Autoridade Portuaria de Vigo en colaboración con Portos do Estado, a Organización Europea de Portos Marítimos (ESPO), a Asociación Internacional de Portos (IAPH) e a Xunta de Galicia.

No acto de clausura das xornadas, que se celebraron en Vigo durante dous días, Susana Lenguas reafirmou o compromiso da Xunta, e en concreto dos portos galegos, coas enerxías limpas e os proxectos de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente nas contornas portuarias. Nesta liña, ratificou que Galicia “quere estar presente na configuración do Porto Verde” e puxo en valor algunhas iniciativas de Portos de Galicia activadas recentemente.

Entre elas, destacou o proxecto integral de renovación de luminarias que supón unha inversión aproximada de 2 millóns de euros e co que se substituirán máis de 2.000 lámpadas portuarias de diversa tipoloxía por luminarias led no período 2022-2023. Esta actuación permitirá un aforro enerxético anual estimado do 60% con respecto ao consumo anual actual de enerxía.

A presidenta de Portos salientou tamén o impulso á dotación de enerxías renovables, e concretamente placas solares, con pasos iniciais como os que se están dando cun proxecto piloto no edificio da policía portuaria de Ribeira. Esta actuación, produto da colaboración entre Portos de Galicia e Inega, permitirá a autonomía enerxética do inmoble así como a redución de 12 toneladas de emisión de CO2 á atmosfera.

En relación á IV Green Energy Ports Conference, Susana Lenguas sinalou que o porto de Vigo é o “escenario perfecto para a celebración deste foro pois é líder no desenvolvemento da estratexia de crecemento azul europea e modelo de referencia para outros portos”.