Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia licita por 750.000 euros as obras de mellora do pantalán de pasaxe de cangas

  • O proxecto de Portos de Galicia inclúe a ampliación da instalación existente e a dotación de tres novas liñas de atracada para o tráfico turístico

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de sacar a licitación as obras de ampliación, reforma e mellora dos pantaláns de pasaxe do peirao de Cangas, unha actuación que conta cun orzamento base de licitación de máis de 750.000 euros.

O inicio do proceso de adxudicación que acaba de ser publicado no Perfil do Contratante do ente público e os licitadores contan cun prazo de 20 días naturais contados a partir de mañá para presentar as súas ofertas, polo que o período habilitado para facelo rematará o vindeiro 14 de novembro.

O proxecto de Portos de Galicia ten por obxecto a ampliación e mellora da accesibilidade das infraestruturas de atracada para o servizo de pasaxe do porto de Cangas. Deste xeito avánzase na mellora da seguridade e na potenciación do uso do transporte marítimo turístico que se realiza desde este peirao, especialmente, ás illas Cíes.

As obras previstas inclúen a ampliación do pantalán actual nunha lonxitude de 112 metros e a substitución do pavimento de madeira, deteriorado polo uso, por un novo pavimento de madeira sintética máis duradeira. Ademais, derivado dos tráficos turísticos que se suman neste peirao ao da liña regular Cangas-Vigo, prevese a instalación dun novo pantalán independente que permita un embarque e desembarque máis áxil, sen mesturar fluxos.

Esta nova instalación estará constituída por tres liñas de atracada executadas con pantaláns de formigón de 12 metros de lonxitude por catro de ancho. Todos estes pantaláns fixaranse con pilotes de chapa de aceiro, excepto os que están máis próximos ao peirao, que se fixarán cunhas guías especiais.