Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia destina 600.000 euros de investimento a distintas melloras no peirao de Fisterra

  • Portos de Galicia iniciará nos vindeiros días a renovación do pavimento dos pantaláns e a reparación das ramplas de descarga e sacará a licitación a remodelación integral da vía de acceso ao porto.

 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, destinará arredor de 660.000 euros a distintos investimentos de mellora no peirao de Fisterra. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á dársena fisterrá na que estivo acompañada polo patrón maior da confraría e por distintos representantes municipais. 

Susana Lenguas explicou que nos vindeiros días comezarán dúas actuacións de mellora das condicións de traballo do sector profesional fisterrán. Neste sentido, o público iniciará as obras de renovación integral do pavimento dos pantaláns, fingers e accesos a estas instalacións, unha actuación que conta cun orzamento de 280.000 euros. A previsión é que as melloras estean realizadas integramente a principios do próximo ano.

Ademais vanse iniciar as obras de reparación das dúas ramplas de descarga do porto de Fisterra. As obras consistirán no acondicionamento do pavimento de ambas superficies salvando os desniveis existentes e as deficiencias que presentan co obxectivo de facilitar o tránsito da maquinaria de traballo que opera na zona. As ramplas que se repararán son a adxacente ao edificio da lonxa e ao paseo Ribeira, que delimita o porto, así como a que se sitúa a continuación desta en paralelo ao dique de abrigo do porto.

A presidenta de Portos de Galicia tamén anunciou durante a súa visita ao peirao de Fisterra que o ente público traballa na redacción do proxecto de renovación integral da vía de acceso ao porto, unha actuación que conta cun orzamento de 335.000 euros e para a que a presidenta solicitou a colaboración do Concello de cara ao mantemento desta infraestrutura.