Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia traballa nun proxecto de mellora da accesibilidade para os pasaxeiros do peirao de Bueu

  • O Ente público prevé a instalación dunha pasarela peonil no bordo do cantil para separar o tránsito cara ao embarque da circulación rodada

Bueu (Pontevedra), 18 de outubro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, traballa nun proxecto de mellora da accesibilidade para os usuarios dos servizos de pasaxe do peirao pontevedrés de Bueu. Así llo comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, aos representantes municipais e da confraría de pescadores da localidade nunha reunión de traballo para avaliar as actuacións previstas no municipio. 

O proxecto inclúe a instalación dunha pasarela de uso exclusivo peonil no bordo do cantil. Deste xeito, preténdese separar o tránsito peonil nos momentos de embarque e desembarque de pasaxe da circulación rodada que realiza outro tipo de actividades de carácter portuario.

As actuacións tamén afectarán á contorna da rúa Xoán Carballeira, coa reordenación da zona de contedores e as paradas de autobuses, mellorando a ordenación do conxunto do solo portuario. A presidenta de Portos de Galicia explicou que este proxecto se atopa nunha fase avanzada de redacción e que contará cun orzamento estimado de arredor de 100.000 euros. 

Pesca recreativa  

Trala reunión de traballo coa confraría e representantes da Corporación de Bueu, Susana Lenguas mantivo un encontro con varios pescadores recreativos da zona para clarexar o contido da resolución que levanta a prohibición de practicar esta actividade nos peiraos autonómicos. Nesta xuntanza a presidenta de Portos de Galicia reiterou que esta normativa atende a criterios de prevención e compatibilidade entre as actividades portuarias e abriu a porta a unha posible colaboración doutras administracións para garantir a vixilancia noutras zonas dos portos para que puidesen, nese caso, abrirse a esta práctica.