Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Rosa Quintana anima aos navegantes da travesía náutica xacobea a ser embaixadores do camiño de Santiago por mar en todo o mundo

A conselleira do Mar presidiu o acto de recepción dos participantes na Travesía Náutica Xacobea 2022 á súa chegada Portosín

  • A comitiva, que partiu de Cádiz o pasado 28 de maio, chegará esta tarde a Santiago despois de navegar por augas de Andalucía e Portugal, facer escala en catro portos galegos e realizar unha última etapa a pé desde O Milladorio (Ames).
  • A titular de Mar puxo en valor a importancia de que os participantes actúen de altofalantes da súa experiencia para impulsar esta modalidade de peregrinación e o conxunto do sector náutico-recreativo galego.

 

Porto do Son (A Coruña), 13 de xuño de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe no Real Club Náutico de Portosín o acto de recepción dos participantes na Travesía Náutica Xacobea 2022, aos que animou a converterse en embaixadores do Camiño de Santiago por mar en todo o mundo e a difundir todos os atractivos que ofrece a costa galega. 

A representante do Executivo galego -que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas- acudiu a recibir á expedición trala finalización das catro escalas en peiraos galegos: Baiona, Portonovo, Ribeira e Portosín.

A titular de Mar salientou que as etapas realizadas en territorio galego permitiron aos navegantes coñecer as bondades do litoral da comunidade, con excelentes paisaxes e un mar en perfectas condicións para gozar da travesía. A última etapa para que a comitiva complete o Camiño de Santiago por mar é esta tarde a pé, desde O Milladoiro (Ames), ata a praza do Obradoiro.

Rosa Quintana pediu a todos os participantes que conten aos seus familiares e amigos as vivencias e experiencias da súa viaxe desde Andalucía ata Galicia para facer de altofalantes dun xeito diferente de vivir o Camiño de Santiago e das bondades da comunidade. Ese labor, salientou, contribuirá a impulsar o sector náutico-recreativo galego e a poñer en valor a calidade das instalacións deportivas coas que contan os peiraos autonómicos.

Nesta liña, a titular de Mar tamén agradeceu á Junta de Andalucía, a Portos, a Turismo de Galicia e a Asnauga a súa contribución a que esta iniciativa se desenvolvese con éxito e que traia novas rutas de peregrinación a Santiago por mar. Unha acción, incidiu, que pretende abrir as portas de Galicia ao mundo a través desta iniciativa xacobea.

 

Ruta por mar

A Travesía Náutica Xacobea 2022 está impulsada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e saíu do porto de Barbate (Cádiz) o pasado 28 de maio para chegar a Santiago de Compostela esta tarde. Nesta edición a Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía colaboran mediante a coordinación da travesía no seu territorio e fretando unha embarcación oficial que fixo o traxecto con medios de comunicación, representantes sectoriais e convidados das dúas administracións a bordo. Neste barco tamén navegaron xornalistas especializados doutros países para difundir a importancia do Camiño de Santiago por mar e ampliar a súa repercusión internacional.