Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia inicia os traballos de reparación da cuberta da Lonxa de Sada

  • Portos de Galicia inviste máis de 40.000 euros nesta actuación, que conta cun prazo de execución de catro meses

 

Sada (A Coruña), 8 de xuño de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de reposición da cuberta da lonxa vella do peirao do municipio coruñés de Sada, que na actualidade se utiliza como nave de redes. Así o trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona.

Susana Lenguas explicou que se trata dunha actuación de mellora das condicións do sector profesional de Sada na que Portos de Galicia inviste máis de 40.000 euros e que pon ademais en valor o edificio que conta con protección patrimonial. Os traballos comezaron a semana pasada e contan cun prazo de execución de catro meses.

As obras consisten na reposición da cuberta que afecta á nave sur da lonxa, formada por dúas naves comunicadas por un corredor interior. Esta zona presenta filtracións de auga, humidades e acumulación de vexetación, entre outras deficiencias polo que será substituída. O material a empregar na reposición así como as actuacións complementarias de recollida e baixada de augas pluviais suporán unha mellora substancial da calidade e duración da nova cuberta e conserva o patrimonio portuario.

 

Travesía Náutica Xacobea Sail the way

Durante a súa visita a Sada, a presidenta de Portos de Galicia mantivo tamén un encontro coas directivas dos dous portos deportivos da localidade para ultimar os detalles da próxima chegada a Sada da Travesía Náutica Xacobea Sail the way, que chegará a localidade o vindeiro domingo 13 de xuño para continuar cara a Santiago de Compostela o 14.

Trátase dunha peregrinación náutica que percorre o Camiño por mar a vela entre Ribadeo e Padrón, organizada polas tres asociacións de náutica de Galicia -Marinas de Galicia, Northmarinas e Asnauga- coa colaboración de Portos e Turismo de Galicia. Na mesma xornada do domingo a travesía visitará tamén o porto de Ares.

O obxectivo desta iniciativa é promocionar o Camiño por mar como destino turístico de navegantes nacionais e internacionais, dando a coñecer as características do conxunto do sistema náutico galego. Os interesados en sumarse á peregrinación poden atopar toda a información na web www.guianauticadegalicia.gal.

As etapas previstas, ás que poden sumarse todos os afeccionados á náutica sen inscrición previa serán: 11 de xuño, Ribadeo-Viveiro; 13 de xuño, Viveiro-Sada/Ares; 14 xuño, Ares/Sada- A Coruña; 15 xuño, A Coruña-Camariñas-Muxía; 16 de xuño, Muxía-Muros; 17 de xuño, Muros-Portosín-Cabo de Cruz; 18 de Xuño, Cabo de Cruz-Vilagarcía-Padrón, para rematar o 19 de xuño cunha peregrinación a pé entre Padrón e Santiago.