Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A xunta insta ao concello de betanzos a asumir a súa obriga e corrixir as deficiencias do paseo do porto

  • O Executivo galego remitiu a principios deste mes un escrito á Administración local requirindo que adopte medidas para facer fronte ao deterioro existente na zona dando cumprimento ao convenio de mantemento asinado entre ambas entidades.

 

Betanzos (A Coruña), 16 de maio de 2023.- A Xunta de Galicia insta ao Concello de Betanzos a asumir a súa obriga e corrixir as deficiencias que presenta o paseo do porto da localidade para dar cumprimento ao establecido no convenio asinado con Portos de Galicia no ano 2008. Así llo lembrou o ente público á Administración local nunha comunicación oficial remitida a principios deste mes.

O Executivo galego censura que o Goberno local trate de responsabilizar ao organismo portuario do estado actual desta infraestrutura pois o acordo subscrito no seu momento recolle que é responsabilidade do Concello adoptar medidas para facer fronte a situacións deste tipo. De feito, o convenio indica claramente que é a Administración municipal quen debe asumir o custo de conservación da zona, o seu mantemento e a limpeza das obras de urbanización executadas por Portos de Galicia.

Nesta liña, a Xunta salienta que se a zona se atopa en mal estado de conservación é pola desidia e abandono do Concello de Betanzos, que non realizou os traballos de mantemento necesarios.  Por iso, Portos de Galicia lémbralle á Administración local que debe cumprir coas súas obrigas e que, se quere formalizar a extinción do convenio, debe asumir as súas responsabilidades e deixar as instalacións en boas condicións. Por tanto, tería que arranxar, entre outras, as deficiencias detectadas no pavimento da zona anexa ao club náutico e reparar a varanda de madeira do paseo.