Volver ao contido

Benvida da presidenta de Portos de Galicia

 

Os portos están entre os elementos definitorios do litoral de Galicia e son infraestruturas fundamentais para o desenvolvemento das zonas costeiras pola súa incidencia en distintos sectores como a pesca, o marisqueo, a acuicultura e as actividades náutico-recreativas. Por iso, o axeitado funcionamento dos 122 peiraos autonómicos é o grande obxectivo de Portos de Galicia pois é tamén unha das chaves para o avance da comunidade.

Somos conscientes da transcendencia económica e social que o mar e os seus portos teñen no noso territorio e por iso todo o equipo de profesionais deste ente público está comprometido co seu sector marítimo-pesqueiro. Queremos que o noso traballo deixe o maior proveito e beneficio para Galicia e os seus cidadáns.

Con ese obxectivo, o organismo que presido ten como prioridade a dispoñibilidade e vontade de diálogo e colaboración con todos os axentes implicados na actividade portuaria, ben teñan que ver coa pesca como co marisqueo, a acuicultura, as actividades náutico-recreativas ou outras vencelladas co turismo. E é así porque Portos de Galicia ten como reto e grande empeño que os peiraos sexan un elemento facilitador da vida diaria tanto dos profesionais do mar como dos cidadáns que empregan as instalacións portuarias para actividades de ocio.

Está claro que para medrar o ideal é ir da man do resto de actores implicados e ese será sempre o noso obxectivo. Con elo agardamos superar todos os retos que se nos presenten e lograr que os portos autonómicos sigan coa boa senda de crecemento en tráficos e tránsitos de embarcacións náutico-recreativas acadada nos últimos anos.

Seguro que esta singradura de Portos de Galicia estará chea de dificultades e atrancos, pero estou convencida de que, co compromiso de todos e o máximo esforzo, acabaremos chegando a bo porto.

 

 

Susana Lenguas Gil

Presidenta do Ente Público Portos de Galicia

Consellería do Mar